
Unha nova novela do mellor autor polaco vivo, Andrzej Sapkowski, sempre é un motivo de celebrar. Se, ademais, a novela inaugura un novo ciclo literario, unha triloxía histórico-fantástica dedicada ás Guerras Husitas que asolaron centroeuropa no séc. XV, a marcha ás librerías para asaltar os seus anaqueis é caseque unha cuestión obrigatoria. Porque Narrenturm é unha obra longamente esperada. E porque detrás dela está a saúde do seu tradutor, José María Faraldo, e a mellor intención do seu editor, Luís García Prado.
As obras de Sapkowski, cando se analizan, hai que facelas dende unha dupla óptica: a daqueles que descoñecen a súa obra, e da daqueles que somos seguidores seus. Eu atópome dentro do segundo grupo, de feito teño lido toda a súa obra, e analizado todo o seu ciclo de Geralt de Rivia, polo que para min cada páxina foi un recordatorio das súas mellores esencias.
Sen embargo, quero enfocar a crítica de hoxe a aqueles que non coñecedes ao autor polaco e que, gústevos ou non a literatura fantástica (na que destaca como o gran renovador do xénero no final do séc. XX), si sodes amantes da boa literatura. A vós dicirvos que Sapkowski ten unha visión do mundo que constrúe de forma recorrente en toda a súa obra: un mundo cosmopolita, humanista e pacifista, onde o sentimendo de comuñón e de compromiso entre os diferentes, está por riba dos antagonismos irreconciliables.
A súa obra, e por suposto Narrenturm, constrúen novamente este discurso e escollen un contexto sociopolítico que, caracterizado pola violencia e a senrazón da intolerancia, castigou duramente unha cultura e unha sociedade que Sapkowski coñece perfectamente. O trío de personaxes protagonistas, formado por un pícaro e romántico-idealista, Reinmar de Bielau; un crego individualista e alonxado dos dogmas de fe, Scharley; e un misterioso xigante de bo carácter e habilidade bélica, Sansón Mieles; constrúen nesta primeira parte unha particular alianza de vontades e intencións contra aqueles que, coa súa actitude, corrompen o seu contorno: poder relixioso, político, civil ou militar non saen ben parados.
No transfondo, tamén nesta novela histórico-fantástica, aparece a mitoloxía que de forma tan fundamental curtiu o carácter e a historia social da zona: as meigas e a súa maxia teñen mesmo un capítulo completo dedicado ao seu encontro e celebración da vida na terra. Unha maxia que, ademais, nos amosa como todos temos dentro nosa, independentemente de dogmas ou de poderes, algo especial que podermos aportar; chámeselle maxia ou como ben se queira. E é con esa forza coa que, supostamente, personaxes tan mundanos como os protagonistas (se ben estou convencidos que Sansón Mieles non é o que aparenta ser) procuran poñer en marcha a súa loita cotián contra a intolerancia.
O libro ten moito de apertura de serie narrativa, co que cuestións como o ritmo, a construción dos personaxes, ou a coherencia dos argumentos, vense afectados nalgunha medida pola ausencia das dúas outras partes que -supostamente- lle deben dar sentido á novela. Ademais, tampouco axuda a decisión editorial de desproverlle ao lector dun índice que contribúa a manter en orde as moitas indicacións que son precisas nunha obra densa e repleta de erudición como ésta. Se accededes á novela, ademais, tede en conta que as notas están ao final e que existe, perdido entre as notas, un mapa que vos axudará en guiarvos polos espazos e personaxes do libro.
A pesar de varias decisións editoriais discutibles, por tanto, Andrzej Sapkowski volve publicar unha obra ambiciosa en coñecementos, clara en temática e filosofía, e profundamente ética no despertar e denunciar os perigos que traen consigo a intolerancia e o dogmatismo. Só o ser unha primera novela dunha serie, con todo o que iso implica, fai que botemos de menos algo máis de precisión e ritmo sostido. Se ben esperamos que todas estas ausencias queden compensadas de sobra nos dous restantes volumes.
CUALIFICACIÓN: Narrenturm, Andrzej Sapkoski: 8,5/10
PRÓXIMO LIBRO: En tiempos de guerra, de Kathleen Ann Goonan.
NOTA: a partir da próximo libro xa non farei críticas orixinais, senón que vos lincarei a crítica que publicarei en Fantasymundo.com. Ademais, anúnciovos que dentro de pouco o blog retomará moito do seu dinamismo anterior, devorado polo comentario dos libros. Permanecede atentos.