Páxina principal > Aficións > MANÍA FOTOGRÁFICA

MANÍA FOTOGRÁFICA

Unha das miñas aficións, xunto cos cacharriños de ‘last technology’ e os libros, é a fotografía. Comezou, supoño, como moitas outras cousas nesta vida, por casualidade, pero veu crecendo co paso dos meses, como un vento furacanado collendo cada día maior velocidade.

A orixe da miña curiosidade fotográfica non está na tradición familiar: dende que cheguei aos 10 anos xa non hai máis fotos na miña casa cas das orlas miñas e de miña irmá, citas importantes como vodas, bautizos e comuñóns, e algún retrato extemporáneo en branco e negro. Tampouco entre as miñas amizades: a cámara fotográfica foi sempre un adminículo de ‘usar e tirar’ que se compraba en tendas de barato para saír do paso cando, en momentos de relevo ou viaxes puntuais, un ía por aí a coñecer outras realidades (di ti que, destas últimas viaxes, tampouco fixemos moitas).

Polo que, se de buscar a orixe se trata, direi que é máis froito da curiosidade malsana que de calquera outro factor social ou ambiental. Unha curiosidade que me levou sempre a buscar outras opinións, outras ideas, outras perspectivas… formas distintas de ver realidades propias e alleas. Porque, ao fin e ao cabo, a fotografía non é máis ca iso: unha exploración orixinal da realidade cotiá dende perspectivas ou puntos de vista distintos aos correntes. Unha investigación que comeza, ademais, no propio concepto de ‘imaxe’, de ‘interpretación subxectiva’; que pensamos que vemos cando miramos unha imaxe?

Certo é que só foi cando comprei a pequena cámara dixital que agora levo, unha Olympus compacta 700, cando comecei a (1) facer fotos, (2) explorar realidades, e (3) comprender que as limitacións da miña cámara era, tamén, unha limitación para a miña capacidade de acceder a novas realidades e a novidosas interpretacións. Ergo, púxenme como tolo a buscar (a) coñecementos para adquirir unha cámara reflex dixital coa que superar límites e barreiras, (b) coñecementos técnicos en fotografía, que me permitisen adquirir novas técnicas e formas de acceder e comprender a esas realidades, e (c) materiais que me desen conta de realidades alleas.

Niso andamos, por tanto, buscando cámara e materiais para aprender. E grazas a María dei un paso máis. Ela regaloume, xunto co estupendo Manel (un abrazo a ambos) un manual para DSLR co que me veredes máis a miudo a partir de agora. Déixovos aquí os datos do manual: John Feeman, Manual de fotografía digital SLR, H Blume, 2008. A min estame servindo de aprendizaxe introdutoria e preparatoria.

Mañá xa espero poder falarvos de máis sorpresas que fun descubrindo na web escarvándo sobre esta afición miña que crece cos días.

Categorías:Aficións Etiquetas:, ,
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.