(18) LA PASIÓN DEL PODER: de José Antonio Marina

José Antonio Marina converteuse nun home dunha “escritura rápida” tan prolífica que está a piques de entrar na lista excelsa de grandes produtores editoriais, con César Vidal á cabeza. Cunha medida de 2,3 libros/ano, todos de sesuda concepción e pedagóxica intencionalidade, un público que pivota sempre entre a admiración e a dependencia abafa ás editoriais e ás librerías con máis títulos do seu respectadísimo autor. Están os libros de tapa dura, os de tapa branda, os de peto, e os de Marina
Este libro é o meu primeiro del porque, como politólogo, me parecía moi interesante unha exploración filosófica do concepto de poder. Máis interesante aínda se lle facemos caso ao subtítulo do libro: “Teoría y práctica de la dominación”. Así que alá fun eu, xunto con todos os seus fans, a atosigar ao pobre Manolo co título de Marina. Pois ben, a conclusión xeral é: “mi gozo en un pozo”.
A análise de Marina é errática, superficial, contraditoria, infundada e, por momentos, terriblemente surrealista. Pero vaiamos por partes, para non abrumar cos adxectivos. Fundamentación: se un repaso rápido a un lote de citas de autores tan variopintos como Napoleón ou Maquiavelo poden servir para articular unha argumentación científico-filosófica sólida e válida sobre o concepto de poder, é que pouco sabemos do concepto e as súas implicacións. Porque, para a miña sorpresa, a argumentación e fundamentación reside aí en grande parte, nas citas de autores reproducitas sen ton nin son, mesmo cos títulos e referencias dos seus libros no texto principal.
O desenvolvemento do concepto de poder asiste a gravísimas contradicións. Parece que descoñece o fondo do concepto “poder”, e non só iso, senón que tamén descoñece o significado de “dominación”. Fai un uso errático de termos adxacentes como “lexitimidade”, “autoridade” ou “persuasión”. E desenvolve premisas que a filosofía-moral recente, dende Frankfurth a Pettit, xa teñen superado ou, cando menos, posto en firme cuarentena. E, para xustificar este “totum revolutum”, acode a uns últimos capítulos demenciais sobre o poder no amor e o poder na política; neste último caso, con obviedades e simplificacións que enmorecerían a faciana de calquera.
Se tivese que definir este libro de Marina nunha palabra recorrería a “deleznable”. Cun valor tan ínfimo e unha relevancia tan pouco destacada que pon en seria cuestión a capacidade autoral de José Antonio Marina. Ao fin e ao cabo, a isto hai que aterse cando a relevancia científica deixa paso á relevancia mediática de quen pensa precisar producir para sobrevivir. Unha peniña do noso señor.
CUALIFICACIÓN: La pasión del poder: 1/10
Próximo Libro: (19) Fundamentación para una Metafísica e las Costumbres, de Inmanuel Kant
Puxechelo fino!!
Cando queiras déixocho e podes ver se esaxerei ou non. Collino, a verdade, moi esperanzado de poder sacarlle partido, peor ao final todo me pareceu un timo moi mal intencionado. ¿Serán certos os rumores que din que a produtividade de Marina depende de varios “negros” capaces, polo que se ve, de producir obras de semellante paupérrima calidade?