(27) SPIN: de Robert Charles Wilson

No mundo da Ciencia Ficción gañar o Premio Hugo (Spin gañouno, no 2006, á mellor novela) é algo parecido a tocarche a lotería. O teu nome pasa a engrosar unha lista selecta e reducida, de autores e de novelas, que, supostamente, revolucionaron a literatura da SciFi cun aporte, cando menos, orixinal conceptualmente e con calidade artística.
Spin, sen embargo, non conseguiu convencerme de ningunha das dúas cousas: nin aporta un enfoque orixinal, porque recorre a unha mestura pouco disimulada de obras de referencia; nin ten calidade literaria, pois entende a “arte” como o abuso inxustificado de adxectivacións floridas e de escenas innecesarias. Todo para dar, como resultado final, una novela farragosa á que lle sobran, se lle quitamos o superfluo, a metade das case 500 páxinas que ten.
A frase do Washington Post que decora a contracapa ten razón: mestura os principios da hard fiction (da que son lector), coa que caracteriza, sospeitosamente, de “literatura” -mira ti, que orixinal. Pero a mestura é máis un collage caótico de xéneros (insisto, inxustificado), que unha amálgama. Pasamos dunha escena de hard fiction, a outra romántica, a outra de intriga, a outra de novela costumista, a outra de novela xuvenil, e volta á hard fiction.
Algúns chamaríanlle a isto: un tratamento independente de fíos narrativos. Eu chámolle, simplemente, confusión de ideas. A proba máis palpable é que a novela transcorre cun ritmo con altibaixos, o pulso narrativo non ten continuidade, e o xogo espazo-temporal que fai que cambiemos de contextos e lugar, precisa dunha articulación demasiado intrincada para resultar crible. Procura tocar mil xéneros, para contentar a mil lectores distintos. Pero a lectura é unha experiencia tan persoal que, intentos como estes, adoitan acabar a máis das veces na fatua intrascendencia… e creo que este é un caso claro.
O maior mérito que ten, e que é onde Wilson se move con firmeza na súa traxectoria, é na documentación e construción científica do libro. Para un lector de hard fiction, defectos a un lado, esta é unha lectura seria, rigorosa e documentada. A desgraza é que, pola propia estrutura da novela, a documentación perde naturalidade e didactismo. As referencias científicas, a máis das veces, resultáronme esputos de datos forzados, máis ca un desenvolvemento natural e necesario para o devir e comprensión da historia.
Os personaxes remitíronme, creo que irremediablemente, a Orson Scott Card e ao seu “ender world”. Enténdaseme, non digo que sexan copias descaradas, porque non o son!, pero o trasfondo do seu deseño, caracterización e relación ten moitísimo en común co mundo de Ender. A partir de aquí, Marte rojo, de Kim Stanley Robinson; Terraformar la tierra, de Williamson; Tiger, tiger!, de Alfred Bester; relatos e novelas clásicas de Fredrich Brown… as referencias que un pode atopar, directa ou indirectamente presentes, son numerosísimas.
En definitiva, estamos ante un “intento de novela” que, querendo ser complexa e orixinal, queda a medio camiño; resultando unha lectura desarticulada e farragosa. Aceptable, para un lector de SciFi hard, e de baixa calidade para calquera outro tipo de lector, que non atopará en Spin máis ca unha sucesión de escenas ben construídas, perdidas nun océano sen forma nin sentido.
CUALIFICACIÓN: Spin, de Robert Charles Wilson: 3,5/10
PRÓXIMO LIBRO: (28) Hombres salmonela en el planeta porno, de Yasutaka Tsutsui.
NOTA: este 27º libro supón o traspasar xa o ecuador do reto que me marquei para 2009: ler e comentarvos 1 libro por cada unha das 52 semanas do ano. Así que, facendo as contas, o reto vai xa camiño de cumplirse. En todo caso, se tedes calquera libro que queredes ver comentado aquí, ou calquera recomendación para ler, posteadeo e, quizais, pronto o vexades neste blog.