Páxina principal > General > (28) HOMBRES SALMONELA EN EL PLANETA PORNO: de Yasutaka Tsutsui

(28) HOMBRES SALMONELA EN EL PLANETA PORNO: de Yasutaka Tsutsui

hombres salmonela tsutsui

A literatura xaponesa entra no sistema literario hispano aos poucos, pero con importantes nomes que facilitan o goteo de novos autores: Mishima, Murakami ou Yoshimoto teñen servido de precipitante para que outros
chegasen a ser unha prometedora aposta editorial. Evidentemente, non todos estes nomes, por teren sido os de maior éxito entre o público español, son os mellores que Xapón pode ofrecer. E, sen dúbida, un nome pouco coñecido entre o gran público, e que esconde as mellores esencias literarias do país, é Yasutaka Tsutsui. Un autor que en España ten só dous libros editados, e os dous na mesma editorial: a fantástica Atalanta.

Hombres salmonela en el planeta Porno é o primeiro dos libros, o segundo, Estoy desnudo, é unha novidade editorial do pasado mes de abril. E os dous teñen en común o seren unha compilación de relatos, de extensión variable, e pertencentes a distintas épocas da obra de Tsutsui; cos cambios de ton e temática lóxicos dunha carreira tan prolixa e heteroxénea como a súa. Porque, hai que dicilo, Tsutsui é un dos maiores e mellores autores da SciFi xaponesa, autor teatral e televisivo, guionista de televisión, cine e manga, e un mestre da metaficción: da ficción dentro da ficción. Pero entremos xa co libro.

Había ben tempo que non me ría tanto cun libro. Agás un dos relatos, “El límite de la felicidad”, os demais demostran un ton burlesco de comedia bufa e de surrealismo cun excelente pulso narrativo e coa capacidade de crear imaxes desternillantes. Iso, claro, sen perder de vista a capacidade de construír a través da narrativa unha reflexión social de gran profundidade. Reflexionar a través da risa, ¿quen nolo podería asegurar? O erotismo e a burla do puritanismo tamén son temática presente; e a crítica aos medios de comunicación e a súa influencia; e a estupidez que pode acadar a toma de decisión dos poderes públicos; e a crítica a unha sociedade reprimida nos seus sentimentos…

Se tivese que elixir tres relatos que, pola súa representatividade, puidese dar conta da obra estos serían: “El bonsái Dabadaba”, un bonsai que, posto do lado da cama, xenera soños eróticos que teñen a capacidade de confunfirse coa realidade… ou non?; “Rumores sobre mí”, unha surrealista crítica aos medios de comunicación a través da influencia e o poder que estes exercen, de repente, sobre un “don nadie” que, cunha vida corrente, traballa nunha fábrica e de repente se ve acosado pola cobertura dos xornalistas; e “El último fumador”, o máis desternillante relato que, dende a fantasía e a aventura, conta os últimos tempos do derradeiro fumador sobre a terra e a súa loita contra o fundamentalismo antitabaco (pensei en Loli e Silvia mentres lía este relato, e estou seguro que a elas lles encantará).

Os “peros”, que tamén os hai, están no final de “rumores sobre mí”, que a partir dun comezo divertidísimo debemos asistir a un enfriamento contínuo e a un final que, cando menos para min, me resultou algo xélido. E en “Hombres salmonela en el planeta porno” no que, na reprodución fantástica e terriblemente imaxinativa do Planeta Porno (aviso, é un planeta de verdade… e porno de verdade), a descrición dos elementos biolóxicopornográficos acaban restando ritmo ao relato. Dúas eivas puntuais, que a penas quitan un chisco da magnificencia imaxinativa do libro.

Non podo rematar sen destacar o traballo de Jesús Carlos Álvarez Crespo. A súa tradución ao xaponés adapta perfectamente a expresividade xaponesa á lingua castelá, facéndonos esquecer moitas veces que estamos ante unha tradución. Ademais, el é o responsable da entrevista final a Yasutaka Tsutsui, que nos axuda a comprender mellor o carácter e a traxectoria dun autor que, por méritos propios, debería estar entre os grandes da literatura xaponesa editada en castelán.

O libro encantoume, sorprendeume, divertiume, fíxome reflexionar, e me lanzou á librería a comprar Estoy desnudo. Pronto volverá Tsutsui a este blog. Mentres tanto, recoméndovos lelo encarecidísimamente. E se aceptades este humilde consello, xa me diredes que tal a experiencia.

CUALIFICACIÓN: Hombres salmonela en el planeta porno, de Yasutaka Tsutsui: 8,5/10

PRÓXIMO LIBRO: (29) Un manifiesto anticapitalista, de Alex Callinicos.

Categorías:General
  1. silvia
    26 Maio 2009 en 00:04 | #1

    Acepto o consello, a verdade e que a túa apaixonada descrición desa lectura tan marabillosa meteume o “gusanillo”

  1. No trackbacks yet.