(29) UN MANIFIESTO ANTICAPITALISTA: de Alex Callinicos

Este libro hai que situalo dentro dunha triloxía persoal de reflexión sobre o proxecto da esquerda, a globalización e os retos que este contexto presenta. A triloxía fórmana: Igualdad, Contra la tercera vía, e Un manifiesto anticapitalista. Os tres libros teñen un ton progresivo dende o filosofico-teórico de Igualdad, que explora os principios morais e éticos do proxecto da esquerda; ata o máis pragmático-realista deste noso libro de hoxe.
O “manifesto” divídese en tres partes que, aínda que poden lerse de forma independente, aconsellaría afrontar de forma sucesiva. Unha introdución, onde se fai un repaso ideolóxico-pragmático ás problemáticas da esquerda actual e, sobre todo, se contextualiza ao albur do movemento alterglobalizador, e botando luz sobre as contribucións de figuras destacadas como Inmanuel Wallerstein, Richard Falk, Noam Chomsky, Naomi Klein… e explicando porqué de todas as posibles etiquetaxes do movemento aquel de “anticapitalista” é o que máis se axusta a unha proposta realista da base social actual.
Na segunda parte, Callinicos fai un repaso exhaustivo, precisamente, a esa base social: recorre as principais citas do movemento anticapitalista dende 1999; desmonta os principais enganos e mentiras que se teñen verquido sobre os seus fins, os dous principais son: non son “anti-globalización”, e non están formado por “xóvenes” rabiosos que destrozan escaparates por rabia; fai unha definición exacta e breve dos grupos que forman o movemento e as alternativas que achegan; e aporta unha síntese final sobre as características básicas do movemento.
Na terceira parte, reflexión xira arredor dunha fascinante pregunta: ¿porqué a esquerda debe combater o Capitalismo?, e ¿que Capitalismo debe combatir? A resposta rápida é: o capitalismo corporativo. O capitalismo capitaneado polas organizacións que, coa vista posta na defensa do seu único beneficio, socavan as bases democráticas do ben común, do capital social, da agregación social que constrúe os intereses de todos/as. Unha reflexión, por certo, á que ten contribuído con sólidos argumentos un documental recente, que podedes atopar nas tendas de DVD’s, e que ten por título: “The Corporation”.
Non hai novidades no libro. Para os lectores da literatura filosófico-política con temática alternativo-capitalista, o libro aporta moi poucas reflexións inéditas. Poderiamos aprender o mesmo se imos a outros autores: Mary Kaldor, David Held, Naomi Klein, Richard Falk… Todos nos darán argumentos e explicacións similares, e non contribúe en nada novo respecto a eles. O mérito de Callinicos é, con todo, encadrar estas reflexións sobre un marco filosófico-político dunha esquerda crítica postmarxista, herdeira en boa parte da Escola de Frankfurth, que nos transmite a esperanza de que “outra esquerda é posible”. Se ben o tema do libro, o movemento anticapitalista e a súa idiosincrasia, impide ir máis alá neste fío.
En conclusión, este libro ten un valor de síntese para todos aqueles que carecen de lecturas previas neste sentido. A eles é a quen lles pode evitar percorrer varios outros autores para atopar, negro sobre branco, unha reflexión válida sobre a vitalidade necesaria da esqueda.
CUALIFICACIÓN: Un manifesto anticapitalista: 6/10
PRÓXIMO LIBRO: (30) Los viajes de Tuf, de George R. R. Martin.