Inicio > General > (30) LOS VIAJES DE TUF: de George R.R. Martin

(30) LOS VIAJES DE TUF: de George R.R. Martin

viajes tuf martin

Habitualmente preséntaselle como o autor de Canción de hielo y fuego, unha saga fantástica que pola súa calidade foi quen de traspasar barreirras de xénero e de idade e chegar a converterse nun auténtico bestseller. Sen embargo, para aqueles que non coñezades esta saga, e non saibades quen é Martin, podo resumírvolo en: un dos escritores de Fantasy e SciFi de maior calidade e potencial narrativo, autor de, por exemplo, un novelón como Muerte de la luz, ou de trazar personaxes da calidade do noso protagonista: Havyland Tuf.

Los viajes de Tuf é un fix-up, ou sexa, unha construción ficcional liñal articulada a partir dunha sucesión de relatos e novelas curtas publicadas de forma independente. Algúns relatos tiñan xa vida propia, e foron insertados ou modificados para este libro, outros foron creados ad hoc para manter a sucesión coherente dos acontecementos. Quizais por esta mesma esixencia creativa, Los viajes de Tuf é un libro tan cheo de imaxinación e calidade, como resulta ás veces terriblemente anodino e repetitivo.

Dos relatos que conforman o libro destaco dous deles: “La estrella de la plaga” e “Guardianes”. E poderiades pasar de “Una bestia para Norn”, estruturalmente tradicional, tematicamente anodino, literariamente sen nada que dar, e cun final tan previsible como o seu inicio.

Sobresaliente é, sobre todo, o retrato persoal e psicolóxico de Havyland Tuf: con 2,5 metros de altura, pel branca como o leite, vexetariano, cerveceiro e amante dos gatos, recupera e desenvolve a esquecida profesión de “enxeñeiro ecolóxico” a través do seu paso polos distintos planetas e a súa intervención nos seus ecosistemas. Nesas viaxes, Tuf terá oportunidade de mostrar a súa personalidade silenciosa, solitaria, intelixente, constante, intuitiva e precisa; ademais dun estrito sentido da ética.

Nos relatos atopamos tamén unha técnica moi recorrida na Space Opera, como é a de xogar cos nomes das naves e dos gatos, para construír unhas relacións de significado capaces de traspasar a normal relación suxeito-obxecto que desenvolve a literatura mainstream; évos o bo da ampla licencia literaria que concede a SciFi.

Outra das virtudes de Martin nesta novela, e sobre todo evidente en “Guardianes”, é a de construír mundos e criaturas orixinais, bioquimicamente ben deseñadas, e que encaixan perfectamente cun argumento imaxinativo e sorprendente. Para min, este é o mellor relato do libro, con todos os elementos de mundos alternativos, Space Opera, personaxes interesantes e ideas innovadoras que se lle poderían pedir aos relatos e novelas do mellor do xénero.

Na puntuación final, a pesar da calidade dalgúns relatos e o carisma de Tuf como personaxe, pesa a irregularidade. A estrutura narrativa dalgúns deles, cun corte clásico acentuado demais, resta orixinalidade e encorseta unhas historias con moito potencial, pero terriblemente desaproveitadas. Con todo, que a nota non vos engane, os dous relatos que destaquei son, creo, obras maestras, e “Guardianes” roza a perfección. Este libro amosa o potencial real dun autor que, a pesar dunha obra literaria repleta de altos e baixos, lle deu á SciFi, ao Fantasy, e ao terror algunhas das súas mellores obras.

CUALIFICACIÓN: Los viajes de Tuf, de George R. R. Martin: 6,5/10

PRÓXIMO LIBRO: (31) Nadie es más de aquí que tú, de Miranda July.


Categorías:General
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.