(31) NADIE ES MÁS DE AQUÍ QUE TÚ: de Miranda July

Como creo que xa sabedes, entre todas as miñas afeccións literarias extrañas (SciFi hard, novela negra, ensaio histórico, temática rusa…) está tamén a literatura norteamericana. Algo ten a heteroxeneidade dos USA, que tanto me recorda ás veces á Europa anterior á IIª Guerra Mundial, para fascinarme e obrigarme a prestarlle atención a todas as novas voces que veñen dende aquelas terras: Eggers, Sedaris, Wallace (RIP), Junot Díaz… e hoxe esta escritora de sensacións: Miranda July.
O libro que vos presento hoxe é, ademais da súa opera prima, unha compilación dos seus relatos breves, publicada e aparecida nunha ampla variedade de publicacións periódicas, e responde a esa característica fantástica das revistas estadounidenses de dar sempre cabida á narrativa breve e a voces innovadoras entre os seus contidos; un costume que boto moito de menos aquí. En España chega a través de Seix Barral, na súa colección Biblioteca Formentor; unha colección que se está a convertir nunha referencia
A pesar da súa diversidade, os relatos compilados aquí teñen unha sólida unidade, derivada dun estilo narrativo inequivocamente particular e orixinalísimo. As historias, grazas a unha ollada feminina cunha sensibilidade moi pouco común para o retrato do discurso íntimo e sentimental, flúen a partir do mecanismo de sorprender a través do cotián, de convertir a realidade de todos os días en fonte de sensacións e pensamentos.
A perspectiva do ’ser muller’, do ’ser feminino’, ten tamén unha clara impronta nestes textos. Aínda que a voz narrativa fose un home, quizais poderiamos dicir que ‘a pesar de ser un home’, a perspectiva do ‘lado feminino’ queda evidenciada a través do seu manexo da presencia e o estar na realidade. Quede ben claro que falamos da muller e do feminino, non do feminismo: non hai aquí ningunha reivindicación máis alá que a de poñer en evidencia a diferenza de perspectivas, e o novidoso que pode resultar o vivir como unha muller, no virar de un a outro sexo.
O/A lector/a, ademais desa nova perspectiva das cousas, debe permanecer moi atento aos elementos terrenais dende os que se contrúe a realidade do feminino: un patio, unha clase de natación, unha marca de nacemento, unha relación entre amigos, un soño… pode extraerse e presentársenos unha forma nova de ver e de vivir o noso contorno. Un choque de mundos, o cotián e o sorprendente, ao que aconsello prestar unha atención especial: como se presenta ese choque, como se articula, como se desenvolve…
Atentos tamén ao tratamento sutil do erotismo e do sexo, do corpo, das relacións e as sensacións humanas. As palabras xorden como unha caricia. O recurso aos elementos e accións físicas non resultan chocantes, todo o contrario, xorden coa normalidade de quen incorpora o amor e o sexo ao normal da súa realidade, dunha vida que aderezada de toda clase de sensacións que July nos convida a saboreas con tranquilidade.
Entre os meus relatos favoritos: “majestad”, “fue un gesto romántico”, “el niño de Lam Kien”, “haciendo el amor en 2003″ e “Mon Plaisir”. Aínda que todos os relatos son moi recomendables, estes achegan un punto extraordinario de tenrura que os fan destacar especialmente sobre os demais. Se ben, en todo caso, Nadie es más de aquí que tú aseguraravos unha lectura extraordinaria que quereredes degustar aos poucos.
CUALIFICACIÓN: Nadie es más de aquí que tú, 9/10
PRÓXIMO LIBRO: (32) Calle de las tiendas oscuras, de Patrick Modiano.