(32) CALLE DE LAS TIENDAS OSCURAS: de Patrick Modiano

Este é o segundo libro de Patrick Modiano que leo, e chega a este blog, despois de En el café de la juventud perdida, e espero que non sexa o último. Teño que confesar que me encanta Modiano. Afrontei este libro coa necesidade de confirmar unha sensación transmitida naquela novela de comezos de ano e quedou, por sorte, completamente confirmada: Modiano é un autor dunha calidade inmensa que debería ser obrigatorio ler, cando menos unha novela del.
Ademais, elixín Calle de las tiendas oscuras pola significación que ten dentro da súa biobibliografía: sexta novela, publicada orixinalmente no 1978, e gañadora do principal premio literario-narrativo das letras francesas, o Premio Goncourt, tamén no 1978. A lectura deixoume impresionado. Para ser -cronoloxicamente- unha obra cuasi-iniciática, amosa unha madurez, unha profundidade de análise, un xogo coa estrutura narrativa, unha calidade narratolóxica… extraordinaria.
A comunicación de Modiano co lector prodúcese, de feito, en distintos niveis de lectura perfectamente artellados.
A estrutura narrativa, a través de 47 capítulos, é unha sucesión de imaxes simbólicas (un xogo plástico que transporta á literatura a comunicación da linguaxe cinematográfica) onde a voz narrativa rememora espazos, personaxes, conversas, escenas… cuxa sucesión nos transporta a un lonxano e descoñecido tempo pasado; perdido na memoria dun personaxe que, chamándose Guy Roland, ten a certeza de posuíres outra identidade, outro nome, outra historia, outra vida.
A dimensión espazo-temporal tamén nos fala. Dous tempos: pasado e presente. Unha certeza: Guy abstense de amosar a súa identidade presente, e ignora a súa historia pasada. E unha decisión: o tempo futuro dedicarao a explorar e construír ese pasado a través dos retazos da memoria que, de forma enlazada, vai recuperando de aquí e de acolá. Cun obxectivo: que o futuro lle permita volver ser quen outrora foi, e quen agora non é. O/A lector/a camiña paralelamente a Guy Roland nesa misión, afrontando simultaneamente cada nova etapa, dando ao mesmo tempo cada novo paso.
E mesmo o argumento nos fala. O noso camiñar é tan complexo como a vida mesma: descubrimos ao tempo que recordamos; perdimos ao mesmo tempo que gañamos; sumamos ao mesmo tempo que restamos. Modiano preséntanos cos personaxes o drama da emigración na Francia ocupada; da clandestinidade; dos amores perdidos; das amizades perdidas; dos recordos… En definitiva, amosa un retrato de mensaxe vitalista, que transcende o recordo para proxectarnos xunto co noso pasado cara ao futuro…
Quizais pensedes que me estou enguedellando con esta crítica, e quizais teñades razón, pero é que non me chega o espazo dun post, e pode que tampouco as palabras, para analizar con profundo respecto a grande sorpresa que supuxo para min esta novela. Unha lectura gozosa a moitos niveis e dende numerosos puntos de vista: rica, intelixente, complexa, retadora, optimista, melancólica…
Lede a Modiano. Afrontade esta novela. Non quedaredes nada decepcionados.
CUALIFICACIÓN: Calle de las tiendas oscuras: 10/10
PRÓXIMO LIBRO: Lo que perdimos, de Catherine O’Flynn