(34) VIDA DE CONSUMO: de Zygmunt Bauman

Este libro pode considerarse, dentro da obra máis recente de Zygmunt Bauman, como un necesario sopro de aire de fresco. Primeiro motivo: a ‘liquidez’ das súas obras esté presente dunha forma moi tanxencial, sendo este libro un retrato de como a transmigración psicosocial dende o ‘humanismo’ ao ‘consumismo’ está convertendo os valores e actitudes sociais nun contido maleable, inestable, subxectivo, individual e atomizado.
Segundo motivo: a perspectiva filosófico-abstracta da “modernidade líquida”, acada aquí un grao de concreción e actualidade que, persoalmente, botaba moito de menos. Bauman é quen de pisar a terra do concreto e do “popular” coas súas reflexións e exemplos, tratando un tema de interese nas sociedades postindustriais e avanzadas (como a nosa), cun estilo moi próximo e un intelixente didactismo. A lección maxistral, propia dos seus anteriores traballos, deixa paso a un exemplo social asequible para un amplo abano de lectores.
Terceiro: o “consumo” enriquécese como tema cun tratamento interesante e unha bibliografía de interese. A estrutura da obra circula do máis xeral ao máis concreto repasando as achegas sociolóxicas de maior interese sobre a forma na que o consumo (e a consumismo, como adaptación e incorporación vital dos seus procesos) muda a nosa forma de comprender e de estar no mundo. A diferenza dos “timos intelectuais” (aos que tan acostumados nos ten José Antonio Marina) onde a falta de ideas se ve substituía coa referencia-insubstancial, Bauman ten unha idea central que sabe reforzar con intelixencia.
Cuarto: a súa visión dun consumo que está entrando na nosa forma de ver a realidade, resulta dunha fortaleza e preocupación asoballantes. Provoca a pensar na influencia que ten a forma na que “adquirimos os nosos desexos”, a través do consumismo, para totalizar o resto de formas nas que “estamos” e “somos”. ¿Construímos opinións políticas, buscamos amizades, afrontamos as relacións sociais… coa mesma actitude coa que imos consumir? Bauman fundamental unha resposta positiva a esta pregunta cunha intelixente e interesante reflexión.
O “problema” que eu lle vexo está no salto, ás veces demasiado intrincado, do exemplo á reflexión, do estudo de caso á fundamentación teórica da súa hipótese. Nesa transición, creo que o exemplo da realidade acaba absorvendo parte da profundidade e transcendencia das ideas. Con todo, iso só acontece en certas pasaxes.
Tamén boto de menos máis valentía na exposición das ideas. Quizais coa intención do “escaparatista”, de amosarnos os feitos e deixar a súa relevancia á nosa libre interpretación, o texto queda colgado en puntos onde un espera unha maior incisividade explicativa e explotatoria.
En todo caso, o libro achega unha reflexión necesaria e interesante, intelixente e provocadora, que estimula a que pensemos como unha parte aparentemente intranscendente das nosas vidas pode estar arrastrándonos cara a unha nova e desalentadora realidade, construída por individuos illados e carentes por completo de raíces e conexións emotivas coa sociedade e co mundo.
CUALIFICACIÓN: Vida de consumo: 6,5/10
PRÓXIMO LIBRO: Los vagabundos del Dharma, de Jack Kerouac.