Inicio > General > (35) LOS VAGABUNDOS DEL DHARMA: Jack Kerouac

(35) LOS VAGABUNDOS DEL DHARMA: Jack Kerouac

kerouac vagabundos dharma

Primeira novela de Kerouac que leo… e primeira decepción. A intranscendencia desta obra, a pesar do título e das fermosas promesas da contracapa (que desvela moitas claves indesexables para as tapas de calquera libro), é manifesta. O marco ético-filosófico-relixioso do budismo aparece retratado con excentricidade, en forma de anécdota extemporánea, e cunha livianidade que pode resultar incomprensible para os non iniciados ou insuficiente para o caso dos seus xa coñecedores.

Os personaxes, a pesar das caretas que representan os nomes, son perfectamente recoñecibles, co propio Kerouac na cabeza de todos eles. A busca daquel Kerouac por retratar un período e un grupo artístico desamparado e alienado, con respecto á experiencia e esencia da realidade autoral do momento, pecha e limita a evolución duns personaxes que, con pouco que aportar alén dos seus clixés diferenciais, saben máis a estereotipo desarraigado e alienado que a auténtica experiencia vital. Moi ilustrativa é a fallida subida ao Matterhorn norteamericano, intento de redención e renovación, que acaba nunha anécdota tan hilarante como incrible e absurda.

O máis acertado de todo o libro pode ser, precisamente, a metáfora do “vagabundo” como un home en busca dunha realidade auténtica e individual, desarraigada respecto dunha comunidade totalizadora e asoballante. Con todo, e se ben é certo que a construción da metáfora achéganos algunhas moi decentes páxinas, o global da novela é dunha inmensa decepción. Non callan as escenas representativas, tampouco as reflexións intimistas, nin os diálogos e monólogos da transcendencia.

En definitiva, agás algunhas páxinas de decente reflexión, o interese do retrato historiográfico, e o coñecemento das andanzas e manías dalgúns dos autores máis destacados daquel momento e movemento (xeración “beat”), o libro non dá moito de si. Requírense, ademais, non escasas doses de paciencia para superar os fondos baches narrativos nos que se ca Kerouac.

CUALIFICACIÓN: Los vagabundos del Dharma: 3,5/10

PRÓXIMO LIBRO: Narrenturm, de Andrzej Sapkowski

Categorías:General
  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.