PARA QUE SERVE UNHA SUBVENCIÓN?

Artigo publicado en Xornal de Galicia o sábado 10 de outubro de 2009:
Despois de tanto avance científico e de entrarmos no século XXI pola porta grande das tecnoloxías da información e a comunicación, o ser humano aínda non soubo responder con certeza absoluta e precisión milimétrica a unha pregunta fundamental: para que serve unha subvención? Moitas son as respostas que recibimos cada vez que temos que enfrontarnos a esta cuestión. Mesmo hai leis que, disque, dan respostas máis ou menos aproximadas. Sen embargo, e aínda que a política si entenda de improvisacións connaturais aos contextos continxentes e ás situacións inesperadas, nada disto saben nin a xestión administrativa, nin a decisión burocrática, de corrente intolerantes diante de calquera criterio non previsto polas normas ou incoherente cos costumes instaurados no funcionamento rutineiro do cotián.
Quizais sexa por isto que as subvencións, dotadas dunha sorprendente capacidade de transmutación: ora un instrumento administrativo de pulcra obxectividade e indubidable bondade, ora un instrumento político subxectivo e maléfico ao servizo da cor do poder que toque; poden fuxir axilmente de calquera intento de demarcación que queiramos facer.
‘O’Xestal’, inmenso humorista patrio, dicía: “cada un fala da feira segundo lle foi nela”. As subvencións conseguen isto mesmo, propiciar opinións positivas ou negativas segundo a choiva caia para ben ou para mal. Unha indefinición e ambigüidade que, coa que está caendo no socioeconómico, e sobre todo co presunto compromiso do presidente Feijóo coa austeridade e a responsabilidade pública financeira, debería estar no mellor dos contextos para acabar dunha vez por todas.
Persoalmente, son dos que pensa que unha subvención só pode ter dous fins posibles. O fin do auxilio social: permitindo a calquera persoa ou grupo social o acceso a recursos ou situarse en posicións de benestar imposibles de acadar cos medios propios. E o fin do impulso económico: favorecendo a sectores económicos ou tipos de negocio que, por atopárense no seu carácter inicial e quizais nun entorno excesivamente competitivo, sofren dificultades estruturais para agromar e consolidárense. En consecuencia, asumo a subvención como un instrumento cuxo fin principal, durante un tempo limitado, é o de lle permitir aos actores sociais o afrontar unha situación de dificultade ou debilidade imposibles de superar no momento de propoñerse a posibilidade dunha subvención.
As subvencións, vistas así, son un instrumento de intervención social que responden, en último termo, á existencia dunhas condicións obxectivas de necesidade.
Toda subvención responde a un obxectivo concreto e, por tanto, leva inscrito no seu deseño tamén a súa data de extinción: o momento no que o contexto de dificultade desaparece ou o sector económico demostrou abondo a súa viabilidade e competitividade (ou non, non todos os negocios ou sectores teñen porqué saír adiante –outro risco controlado inherente á subvención–).
A Xunta de Galicia, sorprendentemente, aínda soporta subvencións deseñadas de xeito incorrecto: cun obxecto que nada ten que ver cos descritos, con fins que en nada se parecen a garantir dereitos ou a impulsar potencialidades. Subvencións mantidas por un tempo que parece non ter nunca remate. Subvencións que están supoñendo un derroche inxustificable para as arcas públicas e un lastre para outros sectores e grupos precisados deses recursos. Os centros educativos privados, cunha competencia practicamente nula e unha demanda previsible, non precisan de subvencións. Se ben os medios de comunicación, como sector maduro e competitivo que é, posiblemente sexa o caso de subvención absurda máis claro de todos.
Entre tanta austeridade e recorte, pido humildemente un oco para a reestruturación das subvencións. Para a posta en claro dos seus obxectos, fins e tempos. Para o fin inmediato de vías de subvención inxustificables. E para a posta en marcha de partidas de estímulo en sectores vitais para o progreso de Galicia.