Páxina principal > Calidade democrática, Política pública > LIBERDADE PARA PENSAR… E PARA DECIDIR!

LIBERDADE PARA PENSAR… E PARA DECIDIR!

DEREITO A DECIDIR

Nestes días atopei na miña libraría compostelá de referencia (Gallaecia liber) un libro dun ex-profesor meu: Angelo Panebianco. O título deste ensaio é El poder, el estado, la libertad. La frágil constitución de la sociedad libre. Confeso que non tiven aínda oportunidade máis que de follear as primeiras páxinas, pero xa nelas atopei unha frase coa que coincido tanto como me distancio, di Panebianco: “la política es, al mismo tiempo, la madre y la madrastra de la libertad” (páx. 10). Coincido: en que o desenvolvemento da acción política, a través dos múltiples elementos e canais para o seu exercicio, pode tanto abrir como pechar a billa da liberdade individual. Distánciome: a política non é unha realidade per se, non é un elemento obxectivable ao que podamos atribuír tal ou cal valor, actitude, obxectivo ou fin. A política facémola nós, cada un de nós segundo as súas actitudes, e é no debate e choque dinámico, individual ou agregado, dos nosos valores onde o demoi fai política e constrúe política.

Por tanto, esa relación liberdade-política, sobre a que tamén reflexionara en termos similares se ben non tan ideoloxicamente marcados Hanna Ardent nun magnífico ensaio seu (Introducción a la política), esquecen que a política é un output social que as persoas e as súas interaccións constrúen no espazo público. Non hai política sen pluralismo (máis ou menos restrinxido) e sen espazo para o seu desenvolvemento.

Inversamente a esta concepción, a non política desenvólvese no que a filosofía política vén chamando espazo privado que en tantas políticas públicas se reclama como área inviolable da persoa: onde o goberno colectivo e os valores sociais non teñen dereito a entrar, por corresponder ao ser individual e ao libre desenvolvemento da súa personalidade. As primeiras funcións que tal concepción recoñece son: a liberdade de pensamento, a liberdade de decisión e a liberdade de expresión. Todas elas se desenvolven dentro nosa, na inviolabilidade do noso ser individual (e social).

Con todo, hai discursos políticos que pervirten esas liberdades da peor forma posible: arrasando co espazo privado como un elefante nunha cacharrería. A imposición moral que certos discursos veñen arrastrando nos últimos tempos é tan alarmante como inadmisible. O proceso comeza por, a través de cualificativos duros e etiquetas denigrantes, sementar a idea de que certas decisións (e os pensamentos que nelas derivan) son perversos, maléficos e negativos. Se te atopas nos que pensan o contrario do condenado, sentiraste reforzado e lexitimado para apuntar o teu dedo cara aos que non pensen así (enfrontamento social). Se pensas como aqueles condenados por estes discursos, sentiraste perseguido ou, no peor dos casos, corrompido por un pensamento que podes crer inadecuado (sentimento de culpa).

O aborto é un deses discursos.

Persoalmente creo repugnante que alguén se crea coa autoridade moral suficiente como para xulgar as crenzas e actitudes doutras persoas. Non digamos xa se a ese xuizo o acompaña unha actitude de condena, insulto e persecución tan indigna como a que certos sectores teñen desenvolto contra as mulleres que só querían pensar sobre o seu futuro, tomar unha decisión, e actuar en consecuencia. Esa irrupción no espazo privado da persoa. Esa pretensión de sometemento da dignidade e liberdade individual aos dogmas privativos de calquera grupo ou colectivo social.

Cabréanme aqueles que confunden liberalismo e libertarismo e que, facéndose eco dunha tradición de pensamento que pervirten ata facela irrecoñecible, cren que dende un discurso da liberdade individual tales actitudes son admisibles. ¿Dende cando os defensores do libre mercado e do individualismo metodolóxico, optimistas antropolóxicos na capacidade e a responsabilidade da persoa nos procesos de transformación social, se permiten participar en discursos que denigran, perseguen e arrinconan á persoa?

A liberdade da persoa exprésase non só no libre pensamento, tamén na posibilidade de materializar ese pensamento nunha realidade. Pensar, decidir e actuar son fillas da mesma nai: a liberdade de conciencia. Por iso, ante o aborto como idea, como decisión e como acción só teño unha resposta: SI.

  1. Aínda non hai comentarios.
  1. No trackbacks yet.