FAMILIA, LIBROS E ENSINO

velaquí o artigo aparecido hoxe en Xornal de Galicia. Unha reflexión en 4000 caracteres (o tema esixe moito máis) sobre o debate arredor do sistema de gratuidade ou non gratuidade dos libros de texto:
O Parlamento de Galicia inaugurou o curso político esta semana. As voces das súas señorías volveron encher de algarabía o pleno e os corredores do Hórreo, coa ilusión froito do descanso das vacacións e a alegría do reencontro cos amigos.
O principal tema destes días, como corresponde á época e seguindo coa tónica do curso pasado, foi a decisión do Goberno do PP de poñerlle fin ao sistema de libros do goberno progresista, volvendo depositar nas familias o custo do comezo do curso escolar.
Este tema ten xerado, e seguirá a facelo pola importancia que ten para moitas nais e pais, unha intensa carga de opinión e comentario. Con todo, hai que seren coidadoso pois, escarvando entre a flora e a fauna do dito e o publicado, é lei de vida o atoparmos tanto afirmacións gástricas de ignorante acidez, como lúcidas análises de ponderada reflexión, ou mesmo –porque de todo hai na viña do Señor– remexidos do un e do outro. Por iso é importante o distinguirmos entre a auga e o aceite, máxime cando dun dereito fundamental (o acceso á educación) estamos a falar. Quixera facelo, permítanme a licenza, destacando algúns puntos básicos no debate arredor desta política pública:
1. Neste mundo nada é gratis, pois se todo ten un valor –mesmo respirar!– tamén ten un custo. Se ben unicamente no mercado este custo se traduce nun prezo monetario que hai que pagar. Os libros de texto, en canto son produtos que compiten e están no mercado, teñen tanto un custo como un prezo. Cuestión do debate é, xa que logo, decidirmos quen paga os libros de texto: as familias, cada unha cos seus propios recursos económicos, ou o Goberno, cos recursos de todos.
2. Engánase quen pense que este é un debate de simple xestión. En canto falamos de ensino estamos falando de mobilidade social, de crear oportunidades para un futuro mellor, de imprimirmos dinamismo a unha estrutura social que, se non garantise esas oportunidades a toda a súa cidadanía, estaría a incorrer nunha evidente discriminación antidemocrática. Os libros de texto forman parte dunha política social que, de non existir, contribuiría á reconstrución daqueles antigos estamentos sociais nos que o estatus se adquiría non a través da demostración de capacidades –en igualdade de oportunidades con calquera outra persoa– senón pola diferenza entre aqueles que podían pagar o prezo dunha vida mellor –ou das oportunidades de accederen a ela– e os que non.
3.¿Cal é o límite social que separa ás familias que non poden afrontar este inicio de curso sen perder oportunidades e benestar, das que si poden facelo? Para o Goberno do PP o límite está, en tempos de crise, nos 9.000 euros de renda familiar anual (750 euros ao mes; 624 son o Salario Mínimo Interprofesional 2009) –en tempos de bonanza suponse que o límite será menor ou non existirá. Para a oposición, a igualdade de oportunidades esixe un compromiso co sistema educativo público: asumindo o Goberno o seu custo permanente nos centros públicos e concertados.
4. O pretendido aforro da medida do Goberno do PP quizais non sexa nin tanto… e pode que nin aforro. Na valoración de quen pode acceder a libros de texto públicos e quen os ten que pagar, pode custar tanto unha xestión caso por caso (hai custos administrativos máis altos e difíciles de monetarizar), como mercar libros de texto. Ademais, unha ironía: o sistema do Partido Popular ten un custo directo para os solicitantes: a xestión esíxelles recursos que nin se computan nin se devolven.
5. A estrutura actual do sistema educativo supón de facto, con tres tipos de centros (públicos, concertados e privados), unha organización educativa distribuída por renda. Isto é así porque, lamentablemente, as políticas de mobilidade escolar (bolsas e axudas) e a calidade do sistema público son insuficientes como para propiciar que unha familia sen recursos poda escolarizar aos seus fillos nun centro privado, ou viceversa. Consecuencia disto, e mentes a situación non mude, a estrutura educativa é un trazo fiable para o deseño de políticas sociais. A palabra é súa.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
LA CIUDAD CONQUISTADA: Jordi Borja
Jordi Borja foi unha das principais mentes que imaxinaron a Barcelona de 1992, e que trazaron as principais liñas de evolución da cidade no fin de século. O seu traballo arredor da cidade, e sobre todo a súa análise da terceira cidade -convivinte xunto coa cidade histórica e a cidade industrial-, coñecida como cidade difusa, mostra a necesidade de repensar a nosa concepción cotiá a partir da combinación de 3 conceptos básicos: cidade, comprendida como un novo espazo tan indeterminado como fundamental; espazo público, no que a cidade se manifesta a través dos lugares que serven de expresión da heteroxeneidade e convivencia da pluralidade social; e cidadanía, no que a cidade e o espazo público agroman de forma concreta e diferenciada a partir da expresión libre e ecléctica dos dereitos civís e sociais dunha cidadanía libre e igual na lexitimidade das súas demandas e necesidades.
O libro que vos recomendo esta semana supón unha conceptualización e un repaso concreto a esta proposta. Primeiro, presenta as liñas mestras do seu traballo. Nos capítulos 2-4 desenvolve as contradicción e deturpacións desta idea de cidade, así como as súas correctas manifestacións, sobre exemplos urbanos contemporáneos. Denuncia as prácticas políticas que confunden o “urbanismo” coa “cidade”, pide unha nova posta en valor do espazo público, e expón unha serie de modelos (os eventos urbanísticos, as promocions vinculadas a construtoras e faltas dunha visión estratéxica, etc.) que supoñen un redundar nos erros segregadores, disgregadores e disfuncionais que caracterizaron o urbanismo industrial de mediados do séc. XX.
Nos capítulos 5-7 Borja dá un paso máis na concreción da súa proposta dunha cidade difusa dentro dun marco democrático de dereitos cidadáns e dun contexto globalizador que deixa abertas todas as portas posibles á hora de debuxar a cidade como entorno, espazo e exercicio da cidadanía. Resulta moi estimulante a súa proposta de tomarse o seu tempo no deseño estratéxico da cidade, de fuxir das presas para incluír a voz da cidadanía e recoñecer a súa vital importancia, e de explicitar a nova cidade como a expresión dun dereito inalienable da cidadanía a un espazo de seu non só posto ao seu dispór, máis construída por esa mesma cidadanía; democraticamente plural e inaprehensible.

O último capítulo abre as portas a unha nova liña de traballo: a da “cidade da globalización”. Un espazo caleidoscópico e aberto onde, no canto de existir divisións estáticas e segregacións sociais, hai unha construción e dedicación do espazo tan diversa como a cidadanía que acolle. Esta noción aínda está sendo traballada de forma multidisciplinar por urbanistas, sociólogos, politólogos, enxeñeiros, paisaxistas, arquitectos… Con todo, a súa existencia e progreso debe ser coñecida e seguida con atención por todas aquelas persoas que, preocupadas pola calidade do espazo e a súa inferencia sobre a convivencia e a democracia, pretenden facer das novas cidades en definición un espazo mellor para todos/as.
Ao remate de cada capítulo hai un conxunto de cadros onde, de forma sintética e didáctica, se aclaran conceptos, desenvolven ideas, e exemplifican nocións. Uns cadros que serven de axuda fundamental para consolidar unha nova ollada e unha perspectiva distinta sobre a cidade. Esa realidade que sempre nos rodea, que tan ben nos define, pero á que tan poucas veces lle prestamos a importancia que debera.
Borja, Jordi (2003): La ciudad conquistada. Madrid. Alianza editorial. Colección: Alianza Ensayo. Número: 228. Prezo: 25.20 eur.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
CULTURA, PROPIEDADE E PIRATERÍA.

Os entendidos sgaedictos din que “copiar sen permiso do autor” é sinónimo perfecto de “roubar”, á súa vez sinónimo perfecto da “piratería”. Con esta equivalencia na cachola o outro día púxenme a matinar, entón, cales foron os meus comezos como bucanero de pata de palo e parche no ollo. E cheguei á conclusión de que todo comezou, como ten que ser, cando merquei o “loro”: que no Nuevo Tocho Cheli (Ramóncín, Espasa Calpe) podería significar perfectamente “casette de doble pletina con altofalantes incorporados e ecualizador-cutre de 4 pistas”.
Que tempos aqueles, eh? Cantos de nós non lembramos con entrañable agarimo aqueles días da EXB, no patio do colexio, cando intercambiabamos as nosas cintas de música. Cando a liorta non era entre formatos (Blue-Ray vs. HD-DVD), senón entre marcas de casettes (BASF vs. TDK). Cando as cintas querían superar amplamente aos discos de vinilo e viamos aquilo como o avance definitivo, o sonido inigualable. Cando criamos que o casette de doble pletina era, co seu modo sincronizado de gravar de cinta a cinta, o mecanismo definitivo para ampliarmos a discoteca ata os máximos físicos permitidos… pola paciencia dos nosos pais. Onde quedou todo aquilo despois do CD, do DVD, do mp3!!!

Cando os únicos “canóns” (perdón polo cambio do acento) eran os do barco pirata da película da tarde -con perdón á avoa e a súa hora sacra do culebrón. Cando os programas P2P era algo tan cercano como o patio da escola ou o parque das tardes -con bocadillo de nocilla ou de manteiga e azúcar incluído. Cando os “iPods” eran “walkmans” e o maior problema que había, aínda maior que o que se lle acabasen as pilas, era que se che enganchase a cinta na cabeza-lectora e quedases sen a túa música favorita (sempre que non funcionase o truco do lapis). E cando a maior autoridade non era o Ministerio de Cultura, nin a SGAE, senón Papá e Mamá, recoñecidas e doctas autoridades na música que estaba permitida e na que non.
A memoria voa a tempos remotos coa sensación do entrañable compartir cos amigos, do furtivo escoitar música cando as autoridades non estaban (iso dos cascos era algo entre obvio e inexistente), e do adquirir unha cultura musical imprescindible para definirme como persoa e ser humano. Porque, ¿qué tería sido de min sen a música que copiaba… ademais da que mercaba?, ¿qué tipo de mundo teriamos sen música? Non quero nin pensalo.
Con estas lembranzas no maxín, e sendo coherente coa miña propia historia persoal, non podo aceptar que criminalicen o que, a través doutros métodos, se faga o que outros faciamos xa coas plataformas dispoñibles e a través dos mecanismos de intercambio que había daquela. Non son poucos os músicos de 1980 -Ramoncín mesmo recoñecíao nalgunha entrevista- que, preguntados polas súas influencias musicais, falaban dos LP ou sencillos de vinilo que escoitaban en casa dos amigos, ou lles deixaban, ou copiaban… ¿Ladróns? En absoluto. Chamábaselle, e para min ségueo sendo, unha “forma de supervivencia” para quen, querendo escoitar música, non podía comprala ou tiña problemas de acceso a ela.
Cultura e Propiedade. Dous conceptos incompatibles?
A cultura é o conxunto de significados compartidos propios dun colectivo ou sociedade calquera, e froito dun intercambio aberto e libre de actos comunicativos de diverso tipo (pictóricos, literarios, musicais, orais, sociais…). Os cambios na cultura prodúcense a partir ben dos cambios esóxenos das relacións e/ou formas de comunicación entre os membros dos grupos sociais, ben a partir dos cambios producidos endóxenamente na estrutura e membresía destes grupos.
O concepto de propiedade, sen embargo, fai referencia á posesión ben dunha materia física (produto ou mercadoría), ben do dereito a gozar dun servizo. O sentido de pertenza ou a dinámica de grupo, o construír en común un conxunto de significados compartidos, ou o libre intercambio de ideas en rituais rutinizados, son termos alleos ao sentido de “propiedade”. Aínda máis, en canto a adquisición mercantil representa unha barreira de acceso a ese intercambio (inclusión/exclusión), e a propiedade non achega significados ou valores compartidos -limítase a distinguir entre propietarios e non propietarios-, podemos recoñecela como unha condición “non cultural”. A propiedad non ten nada que ver cos procesos de construción de cultura.

Sen embargo, ¿que acontece cando se culturiza a propiedade ou, inversamente, cando se apropian da cultura?, ¿cal é o resultado de restrinxir o acceso a eses significados e a eses intercambios a través da súa mercantilización e capitalización? De feito, ¿pode o sistema económico-produtivo valorar xustamente os significados construídos por un conxunto difuso e aberto de persoas? Os beneficios de aproveitárense deses significados e do resultado dos procesos sociais que desembocaron na súa definición, ¿revirten dalgún xeito no grupo? Rotundamente, non.
Cando se pon á venda un disco ponse en venda moito máis que o traballo dun conxunto de músico, compositor, produtor, arreglista, distribuidor… En canto a música corresponde a un xénero musical, con un ritmo, unha melodía… unha inspiración culturalmente mediada e atribuida a un grupo cultural tan amplo como difuso. O disco posúe un valor cultural colectivo, público e universal (en canto a súa atribución non ten límites), que aqueles que o mercantilizan e de cuxos beneficios fan acopio en exclusiva, non pagan nin recoñecen. Por dicilo doutro xeito, a mercantilización da cultura cristaliza un valor colectivo que, en canto non só non se lle devolve ao grupo cultural que o xerou, senón que xera uns beneficios que tampouco reverten nel, supón unha apropiación indebida de valor cultural inmaterial.
A partir deste razoamento podemos chegar a entrar nun debate sobre “quen rouba a quen” tan negativo como improdutivo. Digo “improdutivo” porque, dende que o “equipo musical” recolle un valor que non recoñece nin paga (pois, como dixemos, en canto valor cultural é inherentemente aberto e libre), a súa transformación compositiva pode considerarse un “reintegro” que retroalimenta o ciclo de produción cultural. O xerar “propiedade” dese ciclo cultural é, en consecuencia, un resultado alleo ao proceso cultural, que debe limitarse a aqueles que, libremente e por vontade propia, decidan pagar por algo que é colectivamente propiedade súa.
Conclusión.

A creación de cultura non é un proceso económico-mercantil, pero si produtivo. En canto se produce sobre un valor previamente existente de natureza aberta e libre, colectivamente construído, e previamente producido por un grupo indefinido de persoas mediante un ciclo cultural continuo alleo aos termos de “capitalización” e “propiedade”. O resultado creativo enténdese como un “input” máis dese ciclo (en canto necesario para a súa reprodución) e un “output” dese valor cultural (en canto construído a partir dun valor cultural previamente existente e independente da capacidade creativa particular).
En termos monetarios, na relación “esfera cultural” vs. “esfera económico-mercantil”, tendo en conta isto, o valor final será sempre “cero” (0): o valor recibido pola creación particular (música, literatura…) neutralízase co valor tomado previamente por éste do ciclo cultural de creación colectiva de significados (tradición cultural e musical); un valor imprescindible e inherente a calquera creación cultural.
Isto nos devolve ao comezo do noso razoamento: o pago e a “apropiación” deben ser voluntarios e limitados ao valor adicional percibido no intercambio entre creador e posible adquisidor. Un valor que, en canto subxectivo, non debe en ningún caso ser límite ou barreira para o acceso a un ciclo cultural universal, aberto e libre, inherente ás relacións humanas e as súas consecuencias.
Esta conclusión pode tildarse de anárquica ou antiéconómica. En ningún caso. Esta proposta mantén invariable os termos da Teoría do Valor como custo de produción, pero tamén recoñece que ese valor de produción queda “neutralizado” polo valor cultural previamente incorporado polo creador dende o ciclo permanente de creación de significados -que é a cultura. Ao tempo que introducimos como posible, e recoñecemos como solución, que sexa a utilidade marxinal do consumidor sobre esa creación a que decida canto vale determinado produto cultural.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
MODELOS AEROPORTUARIOS: RETOS ESTRATÉXICOS.
Un ano non moi lonxano, no 2007, os aeroportos galegos pechaban as mellores cifras da súa historia en transporte de pasaxeiros. En mercadorías, seguindo o mesmo camiño, rompían a racha negativa consecutiva dende 2000, con 600.000 Kg. de carga máis ca no 2006. AENA felicitábase por aquel éxito de xestión. E os titulares parecían ser optimistas con respecto ao futuro do servizo de transporte aeroportuario.
Dun tempo a esta parte, sen embargo, todo mudou. O principal factor que todos os titulares apuntan ten un nome: Aeroporto Sá Carneiro (Oporto, Portugal). A competencia do que, cun letreiro enorme na propia terminal, se denomina “O aeroporto de tódolos galegos” (de feito, ten prensa, TVG e servizo de transporte para os pasaxeiros galaicos), tense visto como o único factor explicativo dunha tendencia negativa que, non sendo exclusiva de Galicia, afecta ao conxunto do transporte aeroportuario estatal -segundo cifras de AENA, no 2008 reduciuse en toda España un -3,2% respecto 2007.

Por poñer un exemplo, comparando o tráfico de pasaxeiros do ano 2008 con respecto a 2007, mentres o descenso de Lavacolla (Compostela) foi do 6,5%, El Prat (Barcelona) perdía un 8,2%. Dos aeroportos galegos, nese período, só Peinador (Vigo) perdeu unha taxa maior cá Barcelona (-9,0%; o aeroporto coruñés de Alvedro perdía un 7,2%).
Sen embargo, non nos fixemos unicamente nos descensos (nunca o mal maior doutros pode ser consolo) e botemos un vistazo ás subidas. En España, ¿qué aeroportos creceron máis en 2008 respecto a 2007?: Zaragoza (+16,2%) Girona (+13,6%) e Santander (+12,4%) tiveron as únicas subidas de dúas cifras. Os motivos destas subidas poden enunciarse: a plataforma loxística e a nova pista de Zaragoza, ou sexa, o seu maior dinamismo socioeconómico; o feito de que Girona se consolide como unha das principais portas do low-cost na península, en parte polas súas taxas e o apoio público; e o Plan Estratéxico que supuxo o maior impulso cántabro.
A falta dunha estratexia competitiva.
Todas as subidas ou baixadas prodúcense non só por unha conxuntura socioeconómica, na que diminúen os pasaxeiros; nin por unha maior competitividade do turismo doutras zonas, que restan interés, visitas e tránsito aos aeroportos; nin tan se quera a competencia aeroportuaria, en ningún caso en España unha tendencia ten como factor a competencia. A clave parece estar na consecuencia de factores estratéxicos. Ou sexa, precisamos unha estratexia competitiva!!!
Esa estratexia non debe obviar os localismos reducionistas, que defenden a patrimonialización dos aeroportos. Unha actitude tan destrutiva, polas consecuencias que ten, como irónica, polos discursos humorísticos que desperta. Porque, ¿sabiades, queridos lectores, que o Aeroporto de Lavacolla ten terreos en 3 concellos diferentes (Boqueixón, O Pino e Santiago de Compostela?). Ou que o Aeroporto de Alvedro, por moito que A Coruña leve a voz cantante no discurso aeroportuario e mesmo lle busque chamar “Aeroporto da Coruña”, está localizado en Culleredo? Mesmo Feijóo e o PPdeG, sempre tan constitucionalistas, teñen un pequeno lío con este tema pois, se ben o presidente da Xunta di que os aeroportos son dos galegos, o art. 149.20 que recolle as competencias exclusivas do Estado di ben outra cousa.
Tampouco debe obviar as consecuencias do progreso social noutras áreas de transporte. O descenso de Barcelona, nunha parte siginificativa, debeuse a que unha parte dos pasaxeiros que elixían facer a pasarela Barcelona-Madrid en avión, decidiron despois aproveitar as vantaxes da Alta Velocidade. En Galicia, co 2015 no horizonte (tan lonxano no tempo real, pero tan preto no tempo estratéxico), aos aeroportos galegos poderalle acontecer outro tanto do mesmo: as 2.5 horas prometidas dende Compostela ata Madrid non teñen competencia co coche, e poñen en apretos a un transporte aeroportuario que entre facturacións e equipaxes leva outro tanto só ata podermos saír de Barajas -o tren deixaranos no centro de Madrid.
Do mesmo xeito, ningunha estratexia galega pode obviar a perda de competitividade debida á desidia de factores relacionados coa calidade da experiencia do usuario ou a satisfacción do cliente. Sen ir máis lonxe, Lavacolla é o aeroporto de España cun menor uso do transporte público. Consecuencia, non o dubido, tanto do insuficiente e carísimo servizo de transporte por autobús, como da aínda inexistente e mil veces prometida conexión por ferrocarril. Se a isto lle sumamos unha terminal que, querendo dar calidade con maiores e mellores servizos, ve continuamente torpedeada a súa competitividade, xa nos podemos facer unha idea de porqué ante unha experiencia como a do Sá Carneiro (espazo propio e amplo, prensa gratis, transporte gratis…) e a dos aeroportos galegos (faltos de espazo, e con servizos insuficientes e caros) un elixa irse ata Porto.
Un modelo posible: 3 aeroportos e 1 xestión.
O presidente Feijóo vén de presentar unha idea: unha xestión única para os tres espazos aeroportuarios. Ou sexa, Galicia pasa a ter un único aeroporto con 4 pistas (2+1+1) con 3 pistas (1+1+1), e cunha xestión única en recursos e servizos.
Velaquí os problemas que lle vexo a tal modelo:
1. Ambigüidade e indefinición. Toda estratexia ten, mesmo antes dos obxectivos a marcarse, unha fase previa ineludible: dedicir a quen quere enfocar a súa estratexia, o público obxectivo ou o cliente receptor da oferta. ¿A quen lle queremos ofrecer a nosa oferta aeroportuaria? A resposta do presidente Feijóo é: a quen queira. Noutras palabras: a calquera persoa. E, ¿quen compra un produto que non quere recoñecer as necesidades e demandas concretas do público específico? Ninguén.
2. Desaproveita as vantaxes competitivas urbanas. Compostela, Vigo e Coruña, aínda estando nun corredor de non máis de 175 Km., teñen pouco parecido entre si. O mesmo as súas distintas áreas urbanas. Unha consecuencia disto é que, na súa estrutura socioeconómica, as tres áreas aeroportuarias ofrecen elementos diferenciados e non repetitivos (non compiten entre si, se ben si son competitivos de cara a recibir tráfico aéreo). Un modelo único para os tres espazos supón, por unha banda, desperdiciar vantaxes competitivas diferenciadas, e por outra banda, non aproveitar convenientemente as sinerxías positivas que cadansúa estrutura socioeconómica pode ofrecer a cada unha das áreas aeroportuarias.
3. Multiplica o gasto innecesariamente. Un modelo de “un para todos” reproduce servizos para “produtos” (áreas aeroportuarias) claramente diferenciados e con targets de clientes non complementares. Ou sexa, ofreceranse servizos nos 3 aeroportos que se ben nalgúns espazos poden chegar a ser de utilidade, noutros quedarán ociosos e poderán considerarse un derroche. Inversamente, outros servizos necesarios, que poderían redundar na satisfacción do cliente e na competitividade, quedarán sen ofrecerse.
4. Non resolve os problemas de falta de calidade. Un Plan que supoña deixar as cousas como están, pero unificando a xerencia, non resolve todos os problemas de calidade que fuxen ou transcenden a capacidade xerencial: conexión dos aeroportos coas urbes, posibles conexións con plataformas loxísticas ou zonas industriais, creación de novas sinerxías que aproveiten ese transporte para a dinamización socioeconómica…
En definitiva, o PPdeG e Feijóo fálannos de aeroportos, pero non de transporte aeroportuario. Fálannos de máis formigón para terminais e asfalto para pistas, pero non de conexións, transporte, calidade, servizos… Fálannos de aumentar o investimento, pero non do abultado e ineficiente gasto corrente que pode supoñer a súa execución. Fálannos de mellores aeroportos, pero non de cómo esas melloras poderán contribuír (se é que tal pensaron) a mellorar a competitividade de Galicia como zona socioeconómica. O PPdeG e Feijóo fálannos de gastar máis nos aeroportos, pero non de cómo van facer para que eses cartos revirtan en máis oportunidades de crecemento e maior benestar para aos galegos.
Un modelo policéntrico e competitivo.

Se, como dixemos nun post anterior, a Galicia do século XXI é unha Rexión-Urbana. Os aeroportos desa Galicia teñen que ser quen de consolidar e potenciar o dinamismo e a vitalidade desa estrutura. A aposta por un modelo DIFERENCIADO que APROVEITE SINERXÍAS e poña ao servizo da estrutura socioeconómica de cada área aeroportuaria a posibilidade de mellorar as súas OPORTUNIDADES DE CRECEMENTO.
Isto implica que, en contra do dito por Feijóo, as áreas urbanas de Galicia deberían ter un peso decisivo na xestión dos aeroportos (léaseme correctamente: “áreas urbanas” non “concellos”). Pois son nestas áreas onde están os recursos, os servizos, as empresas, ou os eventos que atraeran ao público ou disporán das mercadorías que servirán de motor dos nosos aeroportos. Un modelo que obvie esta base por comodidade política ou miopía estratéxica está condenado ao máis rotundo dos fracasos.
E conste unha cousa, cando falo de DIFERENCIAR, non me refiro a ESPECIALIZAR. Un aeroporto que se especializa renuncia a dar outros servizos para os que, quizais, si ten oportunidade de ofrecer e competir. E eu son dos que pensa que a competencia, entre aeroportos que ofrecen servizos para os que si son competitivos, sempre é unha boa cousa.
Está claro que o “modelo Feijóo” de “TODO EN TODAS PARTES” é tan disparatado como improdutivo e derrochador. Pero un modelo de “SÓ UN PERO BEN” corre o risco de perder oportunidades e non chegar a ser abondo ambicioso e competitivo como para, no medio e largo prazos, impulsar convenientemente o servizo. Estamos na hora de sermos ambiciosos e buscar o MELLOR POSIBLE.
Coa intuición na man, e sendo realistas sobre as áreas aeroportuarias das que estamos a falar, sería previsible, por exemplo, que mentres Compostela apostase esencialmente polo tráfico de pasaxeiros de longas e medias distancias (voos transaltánticos e rutas low-cost e tradicionais de emigrantes retornados ou turistas internacionais), Vigo e A Coruña teñen un evidente potencial no tráfico de mercadorías e nos voos interiores e de negocios (chárter e voos de pequenas distancias) -debendo valorar moi seriamente o impacto no medio prazo da Alta Velocidade a partir do precedente Barcelona-Madrid. Esta é, creo, unha base realista sobre a que comezar a traballar.
Con todo, independentemente de que o cadro anterior se acabe consolidando polos datos ou non, e en todo caso, apunto as seguintes propostas para un novo Modelo Aeroportuario Galego:
- Convocar unha Mesa Estratéxica do Aéreo formada por: Xunta de Galicia, AENA, Ministerio de Fomento, Mancomunidade de Compostela, Mancomunidade de Vigo, Consorcio das Mariñas, Confederación de Empresarios de Galicia, e os xerentes dos 3 aeroportos de Galicia.
- Elaborar dende a Mesa un estudo estratéxico das 3 zonas aeroportuarias, con especial atención aos posibles servizos potenciais que se poderían reforzar ou prestar ex novo.
- Coordinar este planeamento co previsto no Plan Move, integrando esas potencialidades estratéxicas cos servizos de conexión e dinamización.
- No ínterim, elaborar Plans de Calidade a curto e medio prazo enfocados, de forma prioritaria, na mellora dos servizos periféricos ao transporte aeroportuario.
- Abrir liñas de negociación con novas compañías cara a novos destinos que permitan diversificar a oferta, incrementar a competencia e intensificar o atractivo de Galicia como destino. Por exemplo: países nórdicos ou de Europa do este que, cunha presenza importante e crecente en Galicia, carece dun servizo directo a prezo competitivo.
- Priorizar a mellora da AP-9, en canto arteria principal de conexión das 3 zonas aeroportuarias. En canto, toda estratexia futura pasa necesariamente por unha conexión de maior calidade.
- Incluír nas negociacións co Ministerio de Fomento, para a futura xestión do AVE Madrid-Galicia, vantaxes nos billetes e/ou nas viaxes para os pasaxeiros de alta velocidade que utilicen os aeroportos galegos como porta de entrada-saída.
- Contratar a xestión e posta en marcha, con motivo da chegada da Alta Velocidade e a renovación das licenzas de rutas para do servizo de transporte por Estrada, dun SERVIZO DE INFORMACIÓN INTERMODAL que en toda a estrutura do transporte público de Galicia (taxis, autobuses, trens e aeroportos) que lle permita ao pasaxeiro elaborar, controlar e avaliar os seus itinerarios de viaxe in situ.
- Construír un consenso político que cree un modelo DIFERENCIADO, INTEGRAL e EFICIENTE.
Está é a miña reflexión, a fume de carozo, sobre os aeroportos de Galicia. A palabra, agora, tédela vós. Que opinades?

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
SOBRE LA VIOLENCIA: Slavoj Zizek

Na crítica filosófica das sociedades avanzadas contemporáneas hai un antes e un despois de Slavoj Zizek. A súa reinterpretación de base marxista e, de forma rechamante, das teses revolucionarias leninistas e as análises socialistas do cambio social, están construíndo con cada novo artigo ou libro un dos construtos teóricos máis estimulantes da esquerda crítica mundial. “Sobre la violencia”, publicado neste ano por Paidós, continúa a liña de investigación do seu anterior libro: “En defensa de la intolerancia” (Sequitur, 2007), un estudo sobre o discurso acomodaticio do multiculturalismo e as trampas do seu seguidismo por tendencias tanto conservadoras como progresistas.
A súa base interpretativa, que coincide no fundamental cunha parte da esquerda crítica, é que o socialismo reformista, a socialdemocracia, a terceira vía e o comunismo liberal, teñen contribuído máis a dilatar a vida e retardar a crise do capitalismo que a promover unha súa verdadeira reforma sobre a base dos valores republicanos dunha sociedade mellor para todos. Por iso, calquera ensaio de Zizek amosa unha estimulante crudeza tanto coa dereita conservadora, empeñada en derrochar enerxía freando e paralizando o normal cambio social e o progreso das comunidades políticas, como coa esquerda acomodaticia, colaboradora necesaria coa lexitimidade das estruturas causantes da violencia sistémica inherente a todo mecanismo de organización social -e nomeadamente ao mecanismo alienante capitalista.

En “Sobre la violencia” Zizek analiza, precisamente, a violencia sistémica do capitalismo global e as incoherencias dos discursos que pretenden explicalo ou travestilo. Para Zizek, estouridos de violencia como os que aconteceron no Wolrd Trade Center, en 2001; en París, 2005; ou noutros tantos tempos e lugares, aínda que vistos como unha violencia subxectiva evidente e cruel ‘contra algo’, non son máis que unha manifestación pura do lado negativo inherente á orde sistémica global que se quere impoñer dende o capitalismo global.
Os disturbios de París son a máis clara manifestación desta violencia pois, en contra do dito ou do que aínda se está maioritariamente a pensar, a violencia producida naqueles días non tiña obxectivo ou causa de loita. Aquela violencia estaba producida por cidadáns franceses dos suburbios parisinos que, na construción da súa identidade social, se sinten non só ‘excluídos’ da comunidade cidadá de Francia (á que, xuridicamente, pertencen e na que exercen dereitos de cidadanía), senón determinados como un ‘alter’ un ‘outro’ hostil á comunidade cidadán francesa. A violencia pura desatada en París, consecuencia dun sistema que constrúe “superegos” en base a “memes” tan laxos como subxectivamente interesados e determinados polo paradigma capitalista do ‘útil’ para os seus intereses, non se dirixía ‘contra a’ senón que ‘xurdía do’ propio sistema político e as súas máximas verdadeiras (non coincidentes coas máximas explícitas ou declaradas).
O botar luz sobre a confusión entre máximas “verdadeiras” e máximas “declaradas” é o proceso de análise que lle serve a Zizek para desvelar as incoherencias do comunismo liberal, do esquerdismo tolerante e do multiculturalismo na súa incorporación da cultura e na súa construción da ‘outredade’. Segundo Zizek, o proceso de ‘culturización da política’ serve para confundir o “ego” e para construír unha especie de “superego” culturalmente cargado, non universal, non individual e, xa que logo, ‘alter’ de outros superegos tamén culturalmente cargados. A fórmula da tolerancia serve unicamente de racismo latente, de diferenza consciente, de oposición subxectiva e cultural e politicamente determinada (non obxectiva) entre os individuos. Por iso, afirma, o racismo suporá no séc. XXI a mesma dor que, no séc. XX, supuxo o comunismo.
Zizek denuncia a tolerancia como un “xesto baleiro”, unha formalidade esixida polo sistema organizativo das sociedades liberais, a cuxo contido real -a sumisión á orde establecida e a construción dunha liberdade imposta a través da imposición da formalización das posibilidades de elección- o individuo debe revelarse; só dicindo “non” á elección formal o individuo pode manifestar e desenmascarar a connatureza hipócrita destes “xestos baleiros”. A tolerancia, así entendida, constitúe un mecanismo liberal de colaboración e conexión coa esquerda na busca dunha colexitimidade sistémica tanto do racismo latente da orde establecida, como da violencia obxectiva que xera o seu fracaso.

A voz de Zizek retumba claramente en dúas das sentenzas máis intelixentes no libro:
“La única solución auténtica es derruir el auténtico muro, no el del Departamento de Inmigración, sino el socioeconómico: cambiar la sociedad de modo que la gente no intente escapar desesperadamente de su propio mundo.” (páx. 127).
“Si con el término “violencia” queremos designar el trastorno radical de las relaciones sociales básicas, entonces, por muy disparatado o de mal gusto que parezca, el problema es que los monstruos históricos que asesinaron a millones de personas no fueron suficientemente violentos. A veces no hacer nada es lo más violento que puede hacerse.” (páx. 256).
Un libro directo que vai directo ao estómago, en absoluto complaciente, e difícil de asimilar en certas pasaxes. Con todo, a análise de Zizek bota luz sobre moitas nocións importantes dos discursos políticos actuais, e ofrece tanto vías de escape para eses discursos, como ideas e propostas de análise que abrirán as marxes de todos os lectores que decidan asomarse ás páxinas dun dos libros máis importantes editados en España en 2009.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
PRECISAMOS DUNHA ADMÓN. PERIFÉRICA?

En tempos de crise salta á area da discusión política a eficiencia da xestión pública non só na clásica (e case que obrigada) referencia aos servizos públicos, máis tamén á estrutura territorial de goberno e administración responsable de prevelos, deseñalos, xestionalos e avalialos.
En concreto, a reflexión céntrase no impacto que os máis de 30 anos de madureza democrática, e as posibilidades do novo contexto sociotecnolóxico global, abren: para a simplificación e redución de estruturas, a clarificación e mellora dos procesos, a proximidade e adaptación do goberno ás necesidades individuais de cada cidadán, e a rapidez na recollida e proceso de información, por poñer algúns exemplos.
As bases da Admón. Periférica do Estado (APE).
Neste tempo de reflexión a primeira cuestión que adoita agromar é aquela relacionada coa Administración Periférica do Estado (APE): entendida como a aparataxe do Estado localizada en áreas xeográfico-administrativas distintas á capital para o desenvolvemento eficaz das propias competencias e funcións. Unha APE que no caso español xorde no séc. XIX como resposta a unha herdanza absolutista que deixaba a organización xurídico-política peninsular feita uns zorros.
A APE tiña o obxectivo explícito de que o disfuncional comezase a funcionar: dotando á organización política de uniformidade e poñendo os medios para que o poder-executivo-estatal, realmente, chegase aos territorios. A APE inspecciona e controla as políticas deseñadas dende a administración central.
No caso galego, paradoxicamente, a comarca era a organización política principal. As municipalidades eran raras avis tanto xurídicas como funcionais. E a organización provincial distaba en moito de chegar a ser unha realidade sociolóxica. A provincia era, así facendo, unha división administrativa de facto deseñada co obxectivo principal de delimitar territorialmente o control e o cumprimento efectivo das funcións executivas gubernamentais do Estado sobre o territorio.
A principal figura desta APE foi o Gobernador Civil, substituído organicamente na reforma da LOFAGE de 1997 polos Delegados do Goberno nas CCAA, e funcionamente (na mesma reforma de 1997) polo Subdelegado do Goberno.
Bases para a fin dun modelo anquilosado.
Na procura dunha transformación efectiva desta administración concorren varios argumentos. Para ser exhaustivo, pero coa intención de ser o menos pesado posible, quixera repasar minimamente cada un deles.
1. O modelo autonómico e o diálogo institucional.
Se a intención do modelo periférico era levar o goberno, efectivamente, a todos os territorios do Estado, a construción na Constitución Española de 1978 dun modelo autonómico e o articular mecanismos de diálogo institucional, foron a garantía definitiva para o cumprimento deste obxectivo. De feito, no desenvolvemento das competencias exclusivas tanto do Estado como das CC.AA., é habitual a convocatoria deste tipo de instrumentos de diálogo ordinario, e mesmo é posible articular novos modelos de comunicación formal (Conferencia de Presidentes) e informal (xuntanzas informativas, entrevistas, etc.).
Se deixamos a parte as dinámicas de competencia política e a disputa ideolóxica no determinar a dirección das políticas públicas. Podemos ver que o diálogo institucional entre CC.AA. e Estado ten a calidade e continuidade abonda, está o suficientemente rutinizado, e ten as garantías xurídicas e constitucionais necesarias, como para cumprir de forma sobranceira as funcións de control e execución destinadas ás Delegacións do Goberno e ao conxunto da APE.
2. O e-goberno e o reto de romper co molde político-administrativo.
Como dixemos, a APE respondía a unha intención clara: coordinar a capacidade e a responsabilidade de gobernar (autóritas) coa súa execución efectiva sobre o territorio (potestas). A unificación político-administrativa fíxose de costas á sociedade, sen atender ás súas particularidades específicas -como era o caso galego, e coa mente posta unicamente na procura dunha ordenación que permitira o asentar as bases dun Estado moderno -de inspiración francesa (a influencia de José Bonaparte e o modelo de distritos foi fundamental na construción do modelo territorial español entre 1810 e 1833), cun funcionamento eficaz.
A administración e o goberno españoles non son en 2009 o que eran a comezos do séc. XIX. A consolidación da democracia e a modernización administrativa traen debates que transcenden os obxectivos daquela. O avance da democracia é tal que cuestións como o e-goberno, a personalización das políticas segundo as necesidades e demandas particulares de cada quen, ou a apertura de mecanismos de deliberación e participación política horizontais e/ou extragubernamentais, permiten falar dun obxectivo tan superado como improdutivo.
Xa non estamos no tempo de amoldar a sociedade a unha forma de goberno. Este é o tempo no que o goberno, democraticamente comprometido, DEBE ADAPTARSE proactivamente aos modelos de relación da sociedade.
Xa non estamos no tempo de impoñer un goberno para todos. Senón de aprendermos, e actuar en consecuencia, en que o bo goberno é aquel que responde á sociedade e sabe adaptarse á súa pluralidade, mantendo a cohesión social e os valores cívicos do ben para todos/as.
3. A provincia: unha realidade en extinción
Un dos “pecados orixinais” do modelo da APE que aínda persiste, segundo vimos, é o intentar impoñer unha orgación xeográfico-administrativa homoxénea a territorios cuxa tradición xurídica e esquemas sociolóxicos de relación eran (e seguen a ser) alleos e imposibles de encaixar con respecto a este esquema organizativo-política.
En Galicia, sen ir máis lonxe, a provincia naceu como unha instancia allea á estrutura social, e así segue a ser no día de hoxe. Independentemente da súa eficacia funcional, a súa lexitimidade social e autoridade política é marxinal; por non dicir totalmente inexistente. A cidadanía obvia ás Deputacións Provinciais como referentes institucionais con autoridade democrática.
Mesmo, postos en funcionamento procesos como o auxilio municipal, a cooperación interlocal ou o seguimento e posta en marcha de políticas públicas, téñense amosado institucións febles. As municipalidades teñen creado, de feito, organismos alleos á provincia -como as mancomunidades- para a cooperación e o auxilio mutuo. Silenciando e obviando o papel legal-racional das Deputacións, e superando á Provincia como demarcación.
4. A Galicia do séc. XXI: Galicia como rexión-urbana ou cidade-rexión.
O proceso de urbanización que lentamente chegou a Galicia, ao longo de todo o séc. XX e aínda en marcha no séc. XXI, está producindo un proceso de socialización espacial moi distinto tanto ao que tiñamos no séc. XIX, como ao que a actual APE predispón e organiza -asentado sobre a Provincia e cunha aínda tímida adaptación ao modelo de gobernos autonómicos definido en 1978. A Galicia do séc. XXI está asentada non xa sobre a comarca, nin sobre o municipio, nin se quera sobre a contemporánea noción de cidade. Tampouco temos o futuro nas Áreas Metropolitanas.

A Galicia do séc. XXI, soerguida sobre as bases das redes relacionais urdidas a través das comarcas, por unha banda, e os efectos modernizadores da urbanización, por outra, ten o seu futuro no concepto de rexión-urbana ou cidade-rexión. A Galicia do presente e do mañá aséntase sobre unha rede policéntrica de urbes conformadas, á súa vez, por unha rede densa de relacións que superaron xa e seguen a desdebuxar o tradicional mapa comarcal. Conceptos como “intermodalidade” ou “cooperación funcional” comezarán a ser norma obrigada se queremos afrontar con garantías as oportunidades que este modelo nos ofrece.
A tendencia sociolóxica de Galicia, que responde unicamente ás redes densas que se foron construíndo espontaneamente a partir da mellor comunicación das distintas áreas sociolóxicas comarcais e urbanas, é un modelo propio que a vontade política debe ser quen de visualizar, recoñecer e potenciar. As redes de comunicación e as infraestruturas viarias (portu-arias, aeroportu-arias, e ferro-viarias, tamén) serán decisivas non só en que a rede policéntrica interna que é a Rexión Urbana de Galicia acabe definitivamente por consolidarse. Se non, sobre todo, serán a garantía de conexión da Rexión Urbana con outras dúas redes informais: a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal e as conexións coas redes globais de tráfico de mercadorías nas que -pola súa posición xeográfica de “porta a América”´- Galicia é un punto nodal de alto potencial estratéxico.

5. Administración Periférica do Estado ou Estado Descentralizado?
As lóxicas do modelo de 1833 e 1978 son tan diferentes como falarmos de un goberno único con tentáculos en todo o territorio (APE), ou un goberno que coopera e colabora con outros gobernos autonómicos e locais (descentralización) no deseño e execución das políticas. A dialéctica entre estes dous modelos tan distintos preséntase aínda nebulosa.
Os problemas que se teñen creado por non apostar por un modelo ou outro, e liquidar aquel polo que non se aposte, arrastran paradoxos como o que estamos comentando neste post: a realidad cotiá xerou un modelo territorial propio (Rexión Urbana de Galicia) que dentro da lóxica centralista (homoxeneizadora e unificadora) se ve penalizado, mentres que o modelo autonómico (máis flexible e con posibilidades de adaptarse a esta nova realidade) podería potenciar -se existe vontade política. Falamos sempre do mesmo: esixirlle á sociedade que se adapte ao goberno que ten, ou adaptar o goberno ás distintas estruturas sociais que conviven no Estado.
6. A APE en proceso de disolución.
O avance do modelo descentralizado e autonómico, xunto coa busca de modelos organizativo-institucionais máis flexibles na xestión e eficientes no financeiro, está somentendo a fortes presións ao actual esquema da Admón. Periférica do Estado. Na práctica, a Admón. Periférica mantén unha lexitimidade funcional cada vez máis limitada: pasou de ser o brazo executor e controlador do Estado e a Admón. Central a un papel de mera supervisión -cando non de simple comparsa, obrigada pola participación dunha administración estatal que desenvolve as funcións reservadas a través da APE a outros mecanismos de colaboración institucional e/ou de traballo organizativo.
Este proceso de disolución, lento e irremediablemente continuo, ten, sen embargo, aspecto de nunca chegar a rematar de todo. A supervivencia dunha aparataxe lexitimado constitucionalmente, aínda que a súa significatividade foi relegada e substituída por outros mecanismos que ese mesmo marco constitucional ten construído, é abondo como para augurar unha forte resistencia ao cambio. Iso non quita para que o feito da súa progresiva irrelevancia siga tamén adiante.
Conclusión: precisamos un novo consenso político.
En España conviven aínda, de forma moi precaria, dous modelos territoriais moi distintos: o Estado unitario que naceu coa constitución de 1812 e o Estado descentralizado que construíu a Constitución de 1978. Dous modelos con evidentes incompatibilidades:
- Mecanismos solapados de coordinación.
- Mecanismos incoherentes de coordinación/cooperación-colaboración.
- Modelos de Estado diverxentes: unitario vs. descentralizado.
- Competencia innecesaria entre institucións.
- Indecisión no asumir as consecuencias do declive do modelo periférico.
Unha serie de problemas que teñen xerado unha alta conflitividade constitucional -que só unha dilatada xurisprudencia puido converter en previsible, rutineira e, en último termo, diminuír. Pero que ten saído á cidadanía moi cara en termos funcionais, e aínda engrosa unha parte substancial dunha factura abultada nos actuais e vindeiros anos.
O xurdimento de modelos territoriais distintos en España, pois o caso da Rexión Urbana de Galicia en nada se parece a unha Barcelona metropolitana ou á ‘gran cidade’ de Madrid, esixe unha decisión contundente.
- Substituír as Provincias como circunscripcións electorais e áreas administrativas, apostando pola coherencia arredor das CC.AA.
- Articular un discurso galego que defina e defenda a “Rexión Urbana de Galicia”, e aposte por superar o minifundismo a través da coordinación, cooperación e integración dos concellos e a construción de áreas urbanas de Galicia (non metropolitanas, insisto!! non hai centralidades -agás en casos como Ourense, Lugo, Monforte… onde si hai unha localidade central; senón que o modelo integral é unitario, policéntrico e difuso).
- Debater sobre o futuro das Deputacións Provinciais.
- Debater sobre o futuro das Delegacións do Goberno.
- Potenciar, a través dunha reforma lexislativa que faga coherente e simplifique, os métodos de diálogo institucional entre Estado, CC.AA. e entidades locais ou áreas urbanas e metropolitanas.
Deste xeito poderiamos conseguir unha administración simplificada, próxima á cidadanía, e abondo flexible para podermos contruír tres claros niveis de goberno adaptados á realidade social e a necesidade e demanda persoal de cada quen.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
SOBRE O SIGNIFICADO DE “ESQUERDA”… E DEREITA

Aínda que son decenas de milleiros de veces as que, cun sentido estritamente ideolóxico, empregamos diariamente a palabra “esquerda” (izquierda, left, sinistra ou tradúzase como ‘X’). Nunca explicamos porqué a esquerda está á esquerda e a dereita está á dereita. E nunca reflexionamos, se é que é relevante, se existe algunha consecuencia desta “posición”. ¿Hai algunha carga de significado detrás dunha “esquerda á esquerda”?, ¿e dunha “esquerda de esquerdas”?, ¿existe entón unha “esquerda de dereitas”? Inauguremos esta nova xeira do meu blog persoal, e primeiro post oficial da “Terceira República”, analizando o concepto polo que tantos nos definimos, e tan poucos saben concretamente cal é a orixe do seu significante e significado máis literais.
Unha metáfora orientacional.
No seu excelente libro Metáforas de la vida cotidiana, George Lakoff e Mark Johnson sintetizan unha herdanza ecléctica de pensamentos e teorías que, acrecentada nos tempos actuais pola relevancia das neurociencias e os enfoques cognitivos, defenden a importancia transcendental da linguaxe no conformar da realidade, do marco, do mundo social que os nosos ollos ven e a nosa mente interpreta e clasifica. Para eles, a metáfora é o deseño simbólico dunha interpretación que, en coherencia con outras metáforas, constrúe un mapa de significados e de Realidades posibles a través do cal as persoas dispoñemos do Real coñecido e por coñecer.
A través das nosas expresións cotiás, e dos significados metafóricos que construímos durante a lectura do noso Real (uso a interpretación lacaniana e a súa distinción da Realidade), mantemos unha interacción social a partir da cal construímos subxectivamente a Realidade. Ou sexa: un mesmo Real supón “Realidades” diferentes segundo a subxectividade que o tempo particular e a experiencia individual de cada quen dispoña.
Lakoff e Johnson diferencian 3 tipos de metáforas: orientacionais, ontolóxicas e estruturais. Igual que as disposicións metafóricas dialóxicas arriba/abaixo (positivo/negativo), dentro/fóra, ou centro/periferia, as expresións “dereita/esquerda” non recollidas por Lakoff polo seu difuso significado- tamén están historica e socialmente cargadas de significado. Esta construción metafórica orientacional non é realmente “unha” metáfora, senón dúas metáforas orientacionais construídas de forma independente. un feito que provoca, con escandalosa frecuencia e a través (as veces) de intencións pouco honestas, non escasas confusións.
Estas distintas orixes explícanse na nosa linguaxeccotiá a través de dúas perspectivas: sociolingüística e histórica.
A metáfora sociolingüística: destra vs. sinistra.
Xa no latín a raíz da “esquerda”, sinister -tra -trum, está negativamente cargada: costumes viciosas, malos augurios, feitos negativos… Contrariamente, a “destra” representa o correcto, o ben feito, o positivo. Na nosa linguaxe cotiá aínda quedan restos destes significados. Cando algo nos sae ben saenos “a dereitas”. Sen embargo, cando algo sae mal ou non sae como pensabamos é que as cousas se nos “torceron”, saíron “reviradas”… e todo porque nos erguemos “co pé esquerdo”.
Na historia das linguas, aínda hoxe, resúltanos imposible averigüar porqué a dereita está positivamente cargada e a esquerda estao negativamente. Polo tipo de metáfora que é, orientacional, si sabemos que tanto é unha construción subxectiva a partir dunha experiencia persoal (individual ou colectiva) indeterminada, como que está culturalmente mediada. De feito, na altura na que “destra” e “sinistra” tiñan, respectivamente, un sentido positivo e negativo no latín, dúas culturas anexas pero diferenciadas, a romana e a grega, tiñan significados opostos na experiencia real destes siginificantes. Mentres para un romano o aparecer un ave polo seu lado esquerdo representaba un bo augurio, algo positivo e esperanzador, para un grego representaba un augurio negativo. ¿Quizais procedía esta lenda, no caso dos romanos en contra do seu significado latino, dunha experiencia bélica de confrontación entre ambas as civicilacións… virá de aí a súa significación antagónica? Só podemos especular.
O importante queda, con todo, establecido: a esquerda está negativamente connotada, hai metáforas orientacionais aínda persistentes dunha vella distinción agora case-perdida, e aquela distinción en nada ten que ver co sentido político actual. Entón, ¿porqué a esquerda está na esquerda?
A metáfora histórica: os Estados Xerais e a Revolución Francesa.
![]()
Os Estados Xerais de Francia son a nosa primeira parada. Aínda que constituídos en 1302 por Felipe ‘o Fermoso’, e disoltos en 1614 por Luís XIII, e pasando ao longo deste tempo por múltiples crises e transformacións, a etapa que nos interesa é a última desta institución cando, excepcionalmente e despois de máis de 150 anos disoltos, Luís XVI volve convocalos de novo en plena etapa pre-revolucionaria.
En 1789, cando se convocan por última vez, xa non son os representantes das cidades (como na súa orixe), senón do “terceiro estado” os que, sentándose á esquerda do Rei, dan comezo á connotación ideolóxica lateral da palabra “esquerda”. O “terceiro estado”, formado pola burguesía e en menor medida polo campesiñado e a servidume de vinculación nobre, pulaba pola substitución dos “dereitos estamentais”, que privilexiaban ao clero e á nobreza e lexitimaban e consolidaban o status quo daquel entón (sentados á dereita do Rei), polos “dereitos individuais”, recoñecidos a cada persoa polo feito de seren “cidadáns” de Francia (á esquerda do Rei). A posición do Rei coa nobreza e o clero supuxo a disolución dos Estados Xerais de Francia e o comezo da Revolución Francesa.
O tempo, e quizais a casualidade, teñen axudado a consolidar esta distinción. No Parlamento da República de Weimar (1919-1933), o comunismo sentábase á esquerda da presidencia, mentres que os representantes conservadores, e máis tarde os do partido Nazi, facíano á dereita. Sen ir máis lonxe, en Galicia, as forzas de esquerda séntanse á esquerda da presidencia, mentres as forzas conservadoras fano á dereita.

A historia é, xa que logo, o motor sociolóxico que constrúe a metáfora orientacional de denominación ideolóxica da esquerda e a dereita políticas. Nada ten aquí que ver, se ben a dereita busca por veces a confusión, unha connotación dialóxica positiva/negativa que a nosa linguaxe cotiá posuía outrora con forza referencial, pero que nos nosos días xa vai camiño da súa definitiva disolución.
Á esquerda…de quen?
Xa que temos clara a distinción entre ambas metáforas orientacionais. E sabemos que a esquerda política pertence a unha metáfora histórica xurdida nun contexto revolucionario (metáfora na que afondaremos nun dos vindeiros post do Blog) que nada ten que ver coa metáfora orientacional construída en tempos de Roma. Chegou o momento de afondar noutra cuestión importante: se no 1789 a orientación do noso ideario progresista e republicano, social e cidadán, se situaba á esquerda do Rei. ¿Á esquerda de qué ou de quen estamos hoxe? Esa representación “esquerda-dereita” ¿segue tendo sentido e validez? ¿Non sería mellor, en termos como os que dende Gramsci recuperan hoxe Chantal Mouffe ou Ernesto Laclau e o postmarxismo en xeral, falarmos de dúas formas “enfrontadas” (na metáfora, unha fronte a outra)? ¿Segue sendo a lateralidade unha metáfora orientacional válida?
A miña proposta de resposta é: si, pero con matices.
Antes de todo, debemos suprimir a noción de “centro”. El-Rei (e/ou a súa simboloxía divina asociada), a autoridade que serve de eixe e regulaba a oposición esquerda-dereita, xa non existe. Co advenimento do Estado-Nación e a determinación da “cidadanía” como “meme” co que construír a comunidade política e a súa alteridade, a regulación autoritaria dos límites e significados sociais desaparece. Agora é a propia comunidade política, na determinación diacrónica e sincrónica dos límites e contidos da “cidadanía”, a que impón as barreiras difusas da inclusión/exclusión. O conflito político, a negociación e o diálogo, o consenso e os imaxinarios sociais, velaí as ferramentas que a comunidade difusa utiliza de forma cotiá para determinarse constantemente a sí mesma.
Aclarada esta desaparición da lexitimidade delegada dende a autoridade central (de forma concreta), e a súa substitución pola lexitimidade difusa ao longo do conxunto da comunidade política (de forma abstracta), o seguinte paso é “axustar” o concepto de lateralidade dotándoo dun novo significado. Os “lados” xa non son tal por “pivotar” sobre un centro que ordena, axusta ou dispón segundo un criterio obxectivo ou transferido dende a autoridade divina. Os “lados” son tal porque conforman partes diferenciadas e contrapostas dun organismo único chamado “sociedade”.

Construamos a nosa metáfora sobre o corpo humano en canto organismo único. Deixando a un lado, claro está, as connotacións clásicas que tal metáfora tiña noutros tempos e nos que El-Rei era a “cabeza” do estado, etc. Facendo así, a “sociedade” é a única e indivisible unidade que, cunha construción “lateral” da realidade, distingue dúas dinámicas sociais fundamentais: o cambio social (progresismo ou esquerda) e a continuidade da comunidade (conservadurismo ou dereita). Noutras palabras: a mellora social da comunidade política, ao tempo que a súa permanencia identitaria.
Un debate entre o estático e o dinámico tan vello como a vida mesma.
Velaquí o significado contemporáneo no que a nosa “lateralidade” ten plena validez: esquerda e dereita recollen os valores e ideas que, á súa vez, representan as dúas tendencias simultáneas e equilibradas presentes en cada comunidade política e que con claridade meridiana definiu Giuseppe Tomasi di Lampedusa en Il Gattopardo: “algo debe cambiar, para que todo siga igual”. Isto é, o equilibrio na conservación da comunidade política depende, de forma ineluctable, do recoñecer a necesidade de aceptar o cambio como dinámica necesaria; e viceversa.
Os debates sobre a configuración dos estados estáticos (autoritarios) e dinámicos (revolucionarios) da sociedade representan, no fondo, non só un debate especulativo sobre estas dúas tendencias. Máis tamén sobre o sentido mesmo da distinción esquerda-dereita, e do rol da ideoloxía -e dos principios e valores que a concretan- como unha teorización filosófico-social fundamental arredor desta dialéctica. Por iso é conveniente falarmos de “ideoloxías de esquerda” e “ideoloxías de dereita”: a pesar das distintas construcións posibles, o núcleo de toda teoría política acaba, finalmente, sustentándose ben sobre o cambio social ben sobre a conservación da súa estrutura básica.
Conclusión: o significado da esquerda.

Toda forza social de esquerda ten como principal obxectivo a transformación da sociedade. Os principios e os valores proxectados nas sociedades e nas persoas, así como nas culturas organizativas dos colectivos e organizacións dedicados ao traballo político, son as que determinan o sentido desa forza transformadora: rupturista ou non, positiva ou non, máis ou menos inclusiva… As posibilidades son infindas.
Sen embargo, a esquerda ten un “nacemento orixinario” que é imprescindible para comprender a “unidade básica” das ideoloxías do progreso social: a “liberdade” da persoa das cadeas impostas polo Rei-Deus; a “igualdade” inherente a unha cidadanía que recoñece a todas as persoas cos mesmos dereitos e a mesma condición -en canto cidadáns “desa” comunidade (ollo!); e “solidaria” coas demais persoas na construción dunha comunidade política que non só a definimos entre todos/as, senón que “somos” todos e todas. Unha base que o “Republicanismo” pudo enfocar no fin declarado de acadarmos unha sociedade mellor a través dunha cidadanía mellor en canto posuidora duns valores cívicos.
Esa orixe liberadora e igualitaria, solidaria e positiva, é o cerne da esquerda transformadora. Da súa reflexión moral e combinación ética é da que agroman os proxectos políticos que defendemos e dos que, dalgún xeito, e a pesar das diferenzas obvias entre formas de pensar ou de sentir, todos e todas somos parte.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
(52) UNA ÉTICA PARA LAICOS: Richard Rorty

“Una ética para laicos” é un libro breve, de apenas 41 páxinas, que recolle a conferencia que, baixo o título de “Espiritualidad y Secularismo” deu en 2005 e na Universidade de Turín, acompañado por Gianni Vattimo, un dos filósofos políticos máis importantes do séc. XX: Richard Rorty. Aos licenciados en Políticas seguro que xa vos sona, pois el é un dos principais “reinterpretadores” críticos da Teoría da Xustiza Rawlsiana. E aos que non vos sona de nada, esta conferencia é unha oportunidade excelente para coñecer as liñas mestras da súa interpretación filosófica sobre un dos principais temas de debate na actualidade: o secularismo e os límites dunha sociedade-estado laica nun contexto relixioso e, consecuencia dos procesos migratorios, cada vez máis claramente multirrelixioso.
O punto de partida de Rorty son as declaracións de Benedicto XVI que contrapoñen o “fundamentalismo” (usado de forma positiva como a referencia a uns valores morais transcendentes e de validez universal) e o “relativismo” (significado -negativamente por Razinger e positivamente por Rorty- como a permanente discusión de valores e certezas por unha razón non-transcendente).
Rorty defínese como un filósofo utilitarista e defende o “relativismo” entendido, de acordo co filósofo Ratzinger, como a aceptación de que non hai verdades universais; negando a existencia dunha transcendencia capaz de construír a “realidade” e a “verdade” (pois toda universalidade é un absoluto imposible de negar, pero si de discutir de forma relativa); e permitindo que esa flexibilidade sexa o camiño a unha felicidade crecente de todas as persoas a través do diálogo e a negociación entre os desexos e as felicidades individuais.
No terreo do político e da política, ademais de felicitarse pola “secularización” da política e o fin da “teocracia” que xustificaba a orde establecida como resultado do decreto divino. Rorty, recollendo as palabras de Habermas, aposta tamén por unha desmistificación e perda da transcendentalidade da política. Substituíndo a vontade de construír un ideal universal concreto, independentemente do seu sentido ideolóxico e proposta material, polo máis realista centrarse nos problemas das persoas e a súa solución.
Na súa proposta dunha “ética para laicos” Rorty fai unha distinción clara entre o fundamentalismo-espiritualidade-transcendencia-universalidade-absolutismo e o secularismo-realidade-non transcencencia-utilitarismo-laicismo. Unha distinción moi ben articulada que, como remate, vou expoñervos a través de dous breves fragmentos do libro:
“Desde la perspectiva relativista nunca hubo ni habrá una verdad más grande que nosotros. La idea misma de una verdad de ese tipo [algo máis grande ca nós] es la confusión de los ideales con el poder. En opinión de los relativistas como yo, la lucha entre el relativismo y el fundamentalismo es la que se da entre dos grandes productos de la imaginación humana. Es la competencia, no entre una visión que se corresponde con la realidad y otra que no, sino entre dos poemas visionarios: uno ofrece una visión de ascenso vertical hacia algo más grande que lo meramemente humano, el otro una visión de progreso horizontal hacia un amor cooperativo común a escala planetaria.” (páx. 29)
“… deberíamos dejar de presentar una antítesis entre verdad universal necesaria y preferencia arbitraria; y en cambio deberíamos afirmar que no se toman decisiones importantes como resultado de la preferencia arbitraria, o bien mediante el fundamento garantizado de la verdad universal. En algún lado siempre estamos a medio camino.” (páx. 41).
Un libro breve e denso, pero intelixente e provocador. Poucas páxinas serven para recibir unha lección maxistral sobre como, na loita entre ideais absolutos e “verdades verdadeiras” (acrítica e univocamente aceptadas e defendidas), o relativismo ofrece a posibilidade de acadar un acordo capaz de garantir felicidade ao tempo que asegurar o progreso social e individual.
Poucos libros hai mellores que éste para poñerlle o peche de ouro ao meu reto de “1 libro x 52 semanas”. Con “Una ética para laicos” dou por rematado o meu ciclo libresco, a tempo para dar inicio a unha nova etapa blogueril o próximo 1 de setembro. A partir daquela, todos os libros serán recomendacións semanais que terán o cariz co que pecho este reto, cumprido co tempo sobrado -espero que vos gustasen as recomendacións e as críticas, do mesmo xeito que espero me fagades chegar as vosas propostas a partir de agora.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
(51) LAS ACTITUDES Y LOS VALORES SOCIALES EN GALICIA: J.L. Veira (dir.). CIS. 2007.

Para un científico social, así como para calquera que traballe sobre a estrutura social, o coñecemento da realidade que ten baixo os seus pés, e coa que debe tratar diariamente, é tan imprescindible como o respirar. O prof. da UdC José Luís Veira, responsable dun proxecto de investigación sobre cambio de valores, regálanos este traballo no que, a través da análise comparada dos resultados da Enquisa Mundial de Valores (EMV) de 1995 e 2001, pretende amosarnos cales son os principais cambios que está vivindo e están transformando á sociedade galega actual.
Quizais o camiño de 6 anos non sexa abondo como para sacar conclusións significativas para o medio-longo prazo pero, evidentemente, sen o seu traballo chegar a calquera conclusión, e tan se quera ter o coñecemento sincrónico sobre como é a nosa Galicia de hoxe, sería algo imposible. O libro, publicado polo CIS en 2007 pero que aínda se pode atopar nas librarías, recorre en profundidade o tratamento de varias áreas específicas: o lento camiñar da “individualización” (que non “individualismo”) da nosa sociedade, o capital social, os valores relixiosos (¿queremos ser laicos ou non?), os valores familiares (estrutura das relacións familiares), os do traballo (relacións laborais), os económicos (produtividade e estrutura económica), a cultura política (valores democráticos e posicionamento ideolóxico), e os valores verdes (introdución dos valores vinculados ao medioambientalismo).
Resumir os contidos do libro, dada a súa densidade e o espazo limitado do blog, é algo que non penso facer. Sobre todo, porque non lle faría xustiza ao libro e aos seus autores. Ademais, creo que este é un libro para ler completo e ver as pezas no seu conxunto. Confeso que pensei facer comentario exhaustivo do capítulo 7, o relacionado coa “cultura política”, pero de nada serviría sen que tivese oportunidade de ofrecer tamén unha visión de conxunto que, cando menos, sería ousado dar dun traballo como este.
Unicamente podo recomendárvolo encarecidamente. Sei que os que ledes este blog asiduamente tedes inquedanzas sociais. Pois ben, para o voso labor este é un libro fundamental.
Dicirvos tamén que os datos da EMV están dispoñibles para ser traballados por quen lle interese. E que traballos como estes poden servir de peza inicial fundamental para abrir novas canles de investigación e de traballo que axuden ao progreso social, ecómico e democrático do noso País.
Lédeo. Aprenderedes moito deste libro. E isto é, sen dúbida, o mellor que se pode dicir dun ensaio das características de “Las actitudes y los valores sociales en Galicia”.

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.
O QUE VAI A VIR

“A Terceira República” pretendo que sexa un blog íntimo e próximo, que fale de min e da realidade cotiá que me rodea. Un blog tan compostelano e galego como eu son. Unha pequena fiestra para darvos a coñecer o que penso e o que me preocupa. Sen embargo, non quero traer aquí especulacións nin derrapes. “A Terceira República” ten que ser un espazo positivo e propositivo, aberto a novas ideas, a novas iniciativas, a unha nova interpretación da realidade.
Por iso decidín que todo o que vos traia por aquí ten que traer, tamén, un lado propositivo, útil e transformador. O mellor exemplo de qué virá e cómo quero enfocalo é presentarvos as “seccións” ou “partes” ou “espazos” que aparecerán por aquí e que serán unha parte esencial e definitorio desta Terceira República:
1. Ideas para Compostela (IpC): nos meus paseos pola cidade, e sobre todo logo de falar continuamente cos meus veciños, son moitas as ideas que vou acumulando para construírmos unha compostela mellor. Ben, todas esas ideas, sen ningunha intención de sistematicidade, aparecerán por aquí. Será fundamental, e aí entra a vosa imprescindible colaboración, a retroalimentación destas ideas para buscar unha mellora, unha nova perspectiva, algún aspecto que poda mellorar aínda máis a nosa Compostela.
2. Ideas para Galicia (IpG): Alberto Núñez Feijóo, apenas pasados 100 días, deixou ben claro que optou por facer “política co goberno” e non, como sería desexable, “gobernar coa política”. Ou sexa, non entende a política como un “fin” para a través do diálogo e acordo acadar o ben común (gobernar coa política), senón que fai política como un “medio” para o seu único interese persoal e do seu partido (fai política co goberno). Deturpando así a esencia da democracia e a representatividade. Por iso, esíxese unha resposta directa e contundente. Como? Con novas ideas!!
3. O Libro da Semana (LdS): mudo a crítica literaria pola recomendación de novidades editoriais que, pola súa innovación ou exhaustividade en tratar este ou aqueloutro tema, considero que vos pode ser de interese. Os temas dos libros serán, esencialmente, a teoría política, análise social, realidade galega… Xa vos podedes imaxinar. En todo caso, cada libro espero que mereza estar nos anaqueis de calquera dos que vos asomedes a esta fiestra.
4. Socialismo XXI: os valores transforman a realidade do mesmo xeito que a realidade transforma aos valores. Coñecer os cambios que a realidade está experimentando, supón ter a capacidade de saber cales son e responder aos retos que os valores deben afrontar para adaptarse a estas dinámicas de cambio. Aquí quero tanto escarvar neses cambios, como analizar eses retos, e propoñer respostas a un século XXI que nos esixe unha forma distinta de actuar. Máxime cando a dereita ten unha estratexia clara e unívoca: deturpar os valores democráticos de postguerra.
5. Os meus artigos. Aquí teredes oportunidade de ler os artigos e traballos que vaia publicando… mesmo antes de que cheguen aos medios que están destinados.
6. O mundo móvese: unha fiestra aberta ás ideas que actualmente están a debaterse nas distintas disciplinas e que, co paso do tempo, teñen todas as posibilidades de cambiar o mundo. Abriremos os ollos a iniciativas e proxectos sociais en marcha, para coñecer qué está pasando por outros lares. Presentaremos novos líderes políticos, sobre todo emerxentes, e máis aínda de Galicia. Buscaremos escarvar nas raíces da sociedade e desenterrar asociacións e colectivos que traballan por acadar retos e obxectivos que merecen ser coñecidos e apoiados.
7. Estache bo o conto!. Este era un dos nomes que tiña pensado para o blog, pero que finalmente pasou a representar unha parte do todo. Esta etiqueta quero que sinale os post dedicados á actualidade e que, sen dúbida, servirán para denunciar as burradas que se din e, por desgracia, se seguirán a dicir.
Xa vedes, un conxunto de partes, e outros post que podan saír sobre calquera cousa, que teñen como fío condutor quen son e qué penso. Agora só falta a vosa colaboración.
O día 1 de setembro abrimos!!!!
LINKÁDEME E RECOMENDADE O BLOG, POR FAVOR!!!!

A Terceira República by Francisco Martínez Hidalgo is licensed under a Creative Commons Reconocimiento-Compartir bajo la misma licencia 3.0 España License.